Cuntis, estudio de rodaxe para a serie de televisión galego-portuguesa 'Lume'

Umia
04 de agosto 2024

Manuel Campos lembra que "por desgraza" nesta localidade coñecen de primeira man as "nefastas consecuencias dos incendios forestais" e salienta a importancia que supón para a vila formar parte dun proxecto tan ambicioso como este. "É unha oportunidade para amosar as paisaxes e os encantos que ten Cuntis"

Incendio en Cuntis Concello de Cuntis

Cuntis vaise converter en plató de rodaxe. Será para a serie televisiva Lume, un proxecto froito da alianza entre a produtora galega Setemedia e a portuguesa Coral Europa que se vai rodar entre España e Portugal. 

Segundo a información facilitada polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, os responsables do departamento encargado de realizar as localizacións para a gravación desta peza audiovisual xa mantiveron unha primeira reunión de traballo co Concello.

O Concello informou esta fin de semana de que proximamente levaranse a cabo novas visitas "para perfilar o traballo da rodaxe e confirmar os emprazamentos elixidos para recrear esta historia".

Lume será un ‘thriller’ incendiario de investigación xornalística, no que, a través dunha historia de ficción, se realiza unha análise da problemática dos incendios que se rexistran de xeito periódico todos os veráns tanto en Galicia como en diferentes zonas de Portugal.

O guión corre a cargo da galega Irene Pin e a portuguesa Sara Rodri e ofrecerá un retrato realista das causas dos lumes, da vida no rural en pleno século XXI e da idiosincrasia de España e Portugal.

Manuel Campos lembra que "por desgraza" en Cuntis coñecen de primeira man as "nefastas consecuencias dos incendios forestais". De feito, hai apenas uns días, a finais de xullo, rexistrouse un incendio con ata tres focos diferentes no lugar de Vilar. A rápida intervención dos servizos de extinción impediu que o lume se propagase en exceso.

O alcalde salienta tamén a importancia que supón para a vila formar parte dun proxecto tan ambicioso como este. "É unha oportunidade para amosar as paisaxes e os encantos que ten Cuntis, que son moitos e abundantes, máis alá da ampla oferta termal coa que contamos, polo que estamos moi agradecidos de que se nos teña en conta para este proxecto audiovisual", indica.