Cuntis entrega os premios do segundo concurso de decoración e iluminación do Nadal

Umia
13 de xaneiro 2022

A concelleira Conchi Campos deulle a noraboa en especial aos premiados e agradeceu o labor realizado polo conxunto do comercio cuntiense 

Entrega de premios do segundo certame de decoración do Nadal dos comercios de Cuntis Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis acaba de dar a coñecer os establecementos gañadores do II Concurso de Decoración e Iluminación do Nadal posto en marcha co obxectivo de involucrar aos establecementos do municipio na decoración dunhas festas atípicas marcadas pola situación sanitaria provocada pola covid-19 e, ao tempo, animar o ambiente e as compras no comercio de proximidade.

O primeiro premio, valorado en 200 euros a gastar nos establecementos participantes foi para a Fundación Terra Termarum. O segundo premio, valorado en 150 euros recaeu en Gloss Moda, o terceiro premio valorado en 100 euros foi para Salón de Peiteado Lourdes, o cuarto premio de 50 euros foi para Bottino&Tacco e o quinto de tamén 50 euros premio foi para Calzados Mapi.

O xurado estivo formado por Cruz Sande Silva (decoradora de interiores e veciña de Cuntis), Concepción Velasco Aedo (decoradora de interiores e veciña de Cuntis) e María Isabel Eiras Miguéns (publicista e veciña de Cuntis).

A entrega de premios tivo lugar o pasado xoves coa presencia da tenente de alcalde e concelleira, Conchi Campos.

A concelleira destacou a alta participación no certame así como o gran nivel de todos os establecementos participantes, que realizaron un esforzo importante adornando e iluminando o seu escaparate ou as zonas exteriores con motivos de Nadal, de acordo ao establecido nas bases do concurso.