A expansión da avespa velutina nos últimos anos e a aprobación das modificacións na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia do pasado decembro puxo nunha situación delicada a moitos concellos, que ven superados polas circunstancias e con dificultades para poder facer fronte a ambas as situacións con fondos propios.
A situación, xa denunciada en diversos foros por alcaldes de toda Galicia, volveu ser lembrada este martes polo rexedor de Cuntis, Manuel Campos, que lembrou que non se negan a asumir ambas as cuestións a pesar de que a súa atención é competencia da Xunta de Galicia, pero, para facelo, necesitan fondos.
"Estamos de acordo que hai que obrigar a que se limpen as franxas de protección, pero temos que ter fondos. Iso está a pasar estes días tamén co tema das velutinas. Non temos capacidade económica. O que pedimos é si a asumir competencias, pero que se doten economicamente", resumiu, tras participar no acto de presentación do dispositivo de prevención, investigación e loita contra o lume da Garda Civil en Galicia este verán, que se presentou en Cuntis.
Campos referiuse especialmente aos cambios recollidos nesa modificación da lei de incendios, que obriga a manter franxas de protección ao redor de núcleos habitados, vivendas illadas ou leiras. Respecto diso, lembrou que "a competencia é puramente autonómica" e que aos concellos "se nos empaquetou unha vez máis" levar a cabo a limpeza desas frajnas de protección sen a súa dotación económica.
O resultado desa modificacion é que os concellos "temos que pagar cos nosos cartos" esas limpezas de emerxencia que hai que facer nalgunhas zonas e, adermás, dificultades á hora de facelo, pois "temos un problema moi claro, que é a identificación de moitas parcelas de descoñecidos que hai nestes momentos".
O alcalde lembra que hai moitas parcelas en Galicia que a día de hoxe non se sabe de quen son e aínda que a lei ampare aos concellos para actuar en caso de risco de incencio ao ser unha situación de emerxencia "eu non entro nunha propiedade privada sen unha autorización dun xuíz, iso o teño clarísimo". Ademais, insiste en que antes de limpar esa leira hai que publicar a situación no Boletín Oficial da Provincia e logo esperar á autorización xudicial.
Ademais, o rexedor socialista pide á Xunta que aumente o tempo de traballo das brigadas autonómicas para que traballen seis ou nove meses e non os dous actuais e que, desta forma, poidan facer tarefas de prevención. No caso do Concello de Cuntis, subscribiron un convenio coa Xunta e teñen unha motobomba a disposición dos servizos de extinción as 24 horas do día, pero só tres meses e consideran que "non chega a nada".