Cuntis convida aos seus hostaleiros a abandonar as cartas e pasar aos códigos QR

Umia
09 de xuño 2020

A campaña é gratuíta e ten como obxectivo previr contaxios entre clientes, alixeirar o traballo dos camareiros e adaptarse á nova normativa sanitaria que impide o uso por parte de consumidores de elementos comúns na hostalería

Xente gozando das propostas gastronómicas de Tapalacón en Cuntis Diego Torrado

O Concello de Cuntis continúa coas súas accións para axudar ao comercio e hostalería local coa posta en marcha dunha nova iniciativa consistente na transformación das súas cartas en códigos QR para adaptarse así á normativa contra a Covid-19, que prohibe o uso de cartas individuais. 

Os locais de hostalería interesados nesta proposta só teñen que contactar co goberno local para facerse cos seus propios adhesivos. 

A participación é gratuíta e será desenvolta por técnicos municipais que se encargarán de deseñar e proporcionar os códigos QR para que os restaurantes poidan ofrecerlles aos seus clientes unha carta segura e visible desde o teléfono móbil. 

Esta ferramenta permitiralle ao sector extremar as medidas hixiénicas e de prevención que recomendan as autoridades sanitarias e optimizar o traballo do persoal xa que non terá que desinfectar as cartas tras cada un dos seus usos. 

Esta nova acción súmase a outras medidas coas que o Concello de Cuntis está a apoiar ao comercio e a hostalería no seu regreso á actividade como a moratoria na cobranza de impostos, a posibilidade de ampliar os metros de terraza en vía pública, a repartición de elementos informativos e de material de prevención e seguridade, ou a activación do portal Mercacuntis.com.