Cuntis celebra a primeira xornada da súa Festa do Lacón cunha Gala do Chapante chea de humor

Umia
08 de marzo 2025
Actualizado: 13:28

Como novidade, nesta edición premiouse aos establecementos A Tenda da Ponte e O Cubreiro pola súa aposta pola lingua galega e a tradición rural, respectivamente

Gala do Chapante
Gala do Chapante Concello de Cuntis

A XXVI Festa Gastronómica do Lacón con Grelos de Cuntis arrincou con éxito a súa primeira xornada grande no Centro Sociocultural Patelas, coa celebración da tradicional Gala do Chapante.

O acto, que combinou humor, orixinalidade e recoñecemento ao sector hostaleiro, premiou aos establecementos A Tenda da Ponte e O Cubreiro pola súa aposta pola lingua galega e a tradición rural, respectivamente.

A homenaxe a estes dous locais foi unha das grandes novidades desta edición con respecto aos anos anteriores.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e o director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, foron os encargados de entregar os galardóns aos premiados.

Durante o evento, Campos destacou a traxectoria de Javier Barreiro, propietario da Tenda da Ponte, polo seu defensa do idioma galego nos seus locais, e agradeceu a José Antonio González, de O Cuberto, o seu labor por manter viva a tradición hostaleira no rural.

A gala contou coa actuación da compañía de teatro Chumpá, que ofreceu un espectáculo humorístico sobre temas de actualidade, onde non faltou a Intelixencia Artificial ou a vivenda.

O Chapante, figura emblemática do Entroido cuntiense, luciu un deseño reivindicativo en favor da igualdade, elaborado por mozas do Espazo CuntisXove e o Programa Habilitas, coordinados pola educadora social María Rodríguez Cortizo.

Gala do Chapante en Cuntis
Gala do Chapante en CuntisConcello de Cuntis

A festa continúa este sábado con animación musical e a actuación do grupo de música electrónica OBK, precedida polo concerto de Igloo, ás 21:00 horas.

O domingo, o protagonismo será para a degustación gastronómica, nunha xornada na que se prevé recibir a milleiros de persoas, tanto na propia carpa como nos diferentes establecementos de hostalaría da vila.