O Concello de Cuntis vén de asinar un convenio de colaboración coa AMTEGA, a FEGAMP e as universidades galegas, para que o alumnado con dificultades para examinarse online dende os seus fogares poida facelo na Aula CeMIT de Cuntis ubicada na Casa do Médico, do 1 de xuño ao 31 de xullo.
Segundo explica o Concello, o alumnado interesado en acudir deberá rexistrarse coma usuario da Rede CeMIT a través da web.
Ao finalizar o proceso, remitirase un correo electrónico coa confirmación da alta e o nome de usuario e o contrasinal. A continuación deberá solicitar a reserva de praza para poder realizar o exame na aula de Cuntis con máis dunha semana de anticipo.
Unha vez atopada a convocatoria de exame na localidade, día e hora correcta, débese introducir o usuario e contrasinal facilitados no correo electrónico durante o proceso de alta. Cando sexa aceptada a solicitude, o alumnado deberá presentarse na aula e cumprir coas medidas de seguridade recomendadas: manter as distancias de seguridade de 2 metros, empregar luvas e máscara e hixiene de mans.
Así mesmo, o alumnado deberá levar todo o equipamento necesario para a realización do exame e presentarse con 30 minutos de adianto para poder conectar á rede e facer as comprobacións oportunas.
Para calquera aclaración ou problema, pódese contactar coa Oficina CeMIT no correo cemit@xuntal.gal ou no teléfono 981 910 359. Tamén se pode contactar coa aula CeMIT de Cuntis no 683 147 165.