Cúmprense 3 anos da desaparición de Sonia Iglesias

Pontevedra
18 de agosto 2013

A familia convocou unha manifestación para o mércores 28 de agosto coa intención de que o caso da pontevedresa desaparecida non se perda no esquecemento

Fotografía de Sonia Iglesias Familia de Sonia Iglesias

Este domingo 18 de agosto cúmprense 3 anos da desaparición de Sonia Iglesias Eirín. A súa familia convocou unha manifestación para o próximo mércores 28 de agosto. A través deste acto pretenden que o caso non quede no esquecemento porque, a pesar de que hai tempo que perderon a esperanza de encontrala con vida, queren que a investigación continúe e que, polo menos, poidan achar os seus restos mortais.

A familia mostra a súa preocupación porque non detectan avances na investigación. A parella de Sonia Iglesias, Julio Araújo, segue sinalado como principal "sospeitoso" da desaparición e, dende hai un ano, pesa sobre el unha imputación xudicial por realizar unha "detención ilegal".

Araújo foi a última persoa a quen diferentes testemuñas viron acompañando a pontevedresa de 38 anos durante a mañá do 18 de agosto de 2010. Tras almorzar xuntos nunha cafetaría en San Roque, ambos os dous achegáronse ata unha zapataría da rúa Arcebispo Malvar. A partir de aí, ao non acudir ao seu centro de traballo, comezou a busca da muller durante semanas con infrutuosas batidas cidadás por diferentes puntos da bisbarra.

O mércores 28, Pontevedra volverá sumarse a esa manifestación que partirá da Ferrería e circulará polo centro da cidade coa intención de que non se esqueza o caso.

Arquivado en