Cume institucional entre Ana Pontón e Lores para "coñecer mellor" as necesidades de Pontevedra

Pontevedra
28 de setembro 2023

Aínda que as súas visitas a Pontevedra son habituais, Ana Pontón quixo darlle este xoves un cariz institucional ao encontro que mantivo co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Formaba parte da súa rolda de entrevistas con rexedores e rexedoras do BNG

Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores, no Concello Mónica Patxot

Aínda que as súas visitas a Pontevedra son habituais, Ana Pontón quixo darlle este xoves un cariz institucional ao encontro que mantivo co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Formaba parte da súa rolda de entrevistas con rexedores e rexedoras do BNG.

Con Fernández Lores, Pontón quixo "coñecer mellor" os problemas e as necesidades que ten Pontevedra e que, segundo sostivo, deben estar na axenda dun goberno galego que, ata o de agora, non os atendeu.

"Hai asuntos clave para seguir transformando a cidade nos que ten que haber un acompañamento da Xunta", asegurou a líder do BNG. Todos eles serán unha prioridade para ela, segundo garantiu, se os galegos a converten na súa próxima presidenta.

Entre estes temas, que foi debullando o alcalde, atópase a variante de Alba, o mantemento dos usos sociosanitarios do Hospital Provincial ou o impulso necesario para que o Museo de Pontevedra se converta no Museo Nacional de Galicia.

A dragaxe do río Lérez, a recuperación da Xunqueira de Alba ou a reapertura da delegación da CRTVG en Pontevedra figuran tamén entre as demandas que Fernández Lores trasladou a Pontón e que esta se compromete a asumir.

O BNG presionará á Xunta para que inclúa partidas para todos estes proxectos nos orzamentos autonómicos de 2024 e, se non existe ese "compromiso mínimo coa cidade", confía en impulsalos ela mesma á fronte do goberno galego.

Pontevedra, reiterou Ana Pontón, "é un exemplo de transformación en positivo", o que a converteu nun "referente" en mobilidade e deseño urbano e, ao mesmo tempo, logrou afianzar o seu perfil cultural, apostando por un sector crave como o da creatividade.