Até o Ministerio de Transportes viaxarán o vindeiro martes 14 de xaneiro o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil responsable da área de infraestruturas, César Mosquera, para tratar de desbloquear dúas actuacións "estratéxicas" para a Boa Vila.
Co actual secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano Clavero, os dirixentes pontevedreses pretenden abordar a situación na que se atopan a variante de Alba e a continuidade do paseo peonil a Marín.
Ante a 'man dereita' do ministro Óscar Puente, o número 2 do ministerio, reiterarán a petición de cesión ao Concello dos 3,2 quilómetros da N-550, entre Pasarón e A Cendona (Lérez).
Ese é o punto no que a futura variante conectará coa estrada nacional a Santiago, segundo acordaron o goberno municipal de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
"Queremos axilizar esta cesión", sostivo o alcalde de Pontevedra, que entende que en caso de non conseguila a tramitación deste viario sería "complexa" polas reticencias que mostra o Estado para poder actuar nas estradas da súa titularidade.
Ademais, Fernández Lores engadiu que "a ninguén se lle escapa" que unha vez que o Concello consiga ese traspaso tamén actuaría para acougar o tráfico na Avenida de Compostela, ao entender que a súa actual configuración é "incongruente".
Sendo unha das principais entradas á cidade, segundo destacou o rexedor, nela rexístranse velocidades "excesivas", polo que se pasa a mans do Concello "faremos unha actuación de calmado de tráfico e de seguridade viaria".
Con respecto ao paseo a Marín, os representantes municipais queren interesarse por como está a tramitación do segundo tramo, o que debe chegar até O Cabo (Os Praceres), para o que o Estado estaba a estudar varias alternativas.
A principal e que, en principio, parece máis viable elevaría o trazado da autovía a Marín para evitar as continuas inundacións e, ao mesmo tempo, habilitaría un novo carril pegado á factoría de Ence, o que permitiría utilizar o máis próximo á costa para continuar o paseo.
Para o alcalde esta sería a solución "máis razoable" para avanzar nesta actuación que, segundo lembrou, estaba incluída no pacto entre PSOE e BNG para a investidura de Pedro Sánchez. En todo caso, engadiu, "nós o que que queremos é que se faga".
Durante o encontro, ambas as dúas partes prevén dialogar tamén sobre a autorización pendente por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para poder construír o novo baipás de Mollavao, ao que lle falta esta última tramitación administrativa.
Non estará sobre a mesa, en principio, a continuidade da autovía A-57 porque, apuntou Lores, o Goberno está a estudar alternativas ao trazado entre A Ermida e Pilarteiros para que sexa "menos daniña" sobre o territorio, polo que esperarán a ver as alternativas propostas.