Cultura minimiza os danos infrinxidos por unha desbrozadora no petróglifo de Campo Lameiro

Umia
18 de febreiro 2015

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, compareceu este mércores na Comisión de Cultura do Parlamento Galego para dar conta da actuación da Xunta en relación aos danos causados nun petróglifo por un tractor con desbrozadora durante unhas tarefas de mantemento do parque arqueolóxico de Campo Lameiro

Edificio principal do Parque Rupestre de Campo Lameiro Parque Rupestre de Campo Lameiro

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, compareceu este mércores na Comisión de Cultura do Parlamento Galego para dar conta da actuación da Xunta en relación aos danos causados nun petróglifo por un tractor con desbrozadora durante unhas tarefas de mantemento do parque arqueolóxico de Campo Lameiro.

Os grupos parlamentarios do BNG e PSdeG-PSOE preguntaron polos danos ocasionados na rocha 1 da Laxe de Forneiriña e sinalaron que o uso de "maquinaria pesada" na contorna desta peza evidencia o "incumprimento" dos protocolos, polo que urxiron a "incoación" dun expediente sancionador contra a empresa responsáble da xestión do parque, de acordo co fixado pola lexislación en materia de Patrimonio.

"Alguén ten que responder", sinalou o parlamentario socialista, Francisco Caamaño. Desde o BNG, a deputada Ana Pontón apuntou directamente á responsabilidade do goberno galego na materia, tendo en conta, dixo, a actuación desenvolvida pola administración na xestión do conflito.

Tamén o voceiro de Cultura do grupo socialista, Francisco Caamaño, criticou o "desleixo" do goberno galego na defensa do patrimonio megalítico, e sinalou que "para iso están as leis, e non para protexer ás empresas coas que a Xunta, sen que saibamos por que, quere ter unha particular consideración".

Na súa resposta, Anxo Lorenzo dixo que o Executivo galego "non permaneceu impasible en ningún momento" e sinalou que o dano infrinxido foi "pequeno" e mesmo "case imperceptible".

O conflito polo petróglifo extendeu as críticas da oposición sobre a xestión do conxunto arqueolóxico de Campo Lameiro logo de ser privatizado o servizo, chegando a falar de "abandono sistemático" deste emprazamento "único en Europa".

Caamaño dixo que "o que segundo Feijóo ía ser a Altamira galega é hoxe unha paraxe de camiños intransitables, cunha dirección xeral de Patrimonio que non coñece nin as manifestacións de arte presentes na zona e xestionada por unha empresa irresponsable. Non é Altamira, é un parque abandonado", sentenciou.

Arquivado en