Culler de Pau e Pepe Vieira teñen compañía: un terceiro restaurante galego convértese en 'biestrelado'

O Salnés
27 de novembro 2024

Trátase de Retiro da Costiña, en Santa Comba. Esta foi a principal novidade para unha cociña galega que, durante o ano 2025, terá dezasete restaurantes con estrela Michelin

Pepe Vieira, na cociña da Churrasquería Varela Mónica Patxot

Noite de gala para a gastronomía española. A Guía Michelin entregou onte á noite en Murcia as súas tradicionais 'estrelas', o galardón que recoñece aos mellores restaurantes do país.

E, un ano máis, Galicia e, particularmente as Rías Baixas, tiveron un protagonismo estelar.

Aos restaurantes que desde hai anos locen dúas estrelas Michelin, Culler de Pau (O Grove) e Pepe Vieira (Poio), sumouse este martes un terceiro establecemento neste mesmo escalafón. Trátase de Retiro da Costiña, en Santa Comba.

Esta foi a principal novidade para unha cociña galega que, durante o ano 2025, terá dezasete restaurantes con estrela, tres deles con dobre recoñecemento, o cal eleva a vinte os recoñecementos aos chef da nosa comunidade.

Á lista, da que saíu Miguel González tras pechar o seu restaurante en Pereiro de Aguiar (Ourense) súmase ochef Áxel Smyth, que consegue a súa primeira estrela para a súa nova proposta gastronómica en Santiago, o Simpar.

No caso das Rías Baixas, pola súa banda, todos os cociñeiros con estrela Michelin revalidaron o seu distintivo.

Así, Casa Solla (Poio), O Eirado (Pontevedra), Yayo Daporta (Cambados), Silabario (Vigo) e Maruja Limón (Vigo) volverán presumir de excelencia dentro desta selecta guía.

A eles, até completar a constelación gastronómica galega, súmanse Terra (Fisterra), O Pazo (Padrón), Árbore da Veira (A Coruña), As Garzas (Malpica), A Tafona (Santiago), Casa Marcelo (Santiago), Ceibe (Ourense) e Nova (Ourense).

A Guia Michelin concedeu ademais, como fixo nos últimos anos, as súas estrelas verdes, destinadas a aqueles restaurantes que apostan pola sustentabilidade.

Ao tres restaurantes galegos que xa a tiñan, Culler de Pau, Pepe Vieira e O Balado (Boqueixón), sumouse un terceiro establecemento sostible: O Secadeiro, o restaurante de Fernando Rodríguez e Eva Guzmán en Serra de Outes.