Culler de pau, único restaurante galego entre os 200 mellores de Europa

O Salnés
27 de abril 2018

A prestixiosa Opinionated About Dining (OAD), que cada ano elixe aos 200 mellores restaurantes de Europa en base ás críticas elaboradas por prescritores de todo o vello continente, puxo os seus ollos nas Rías Baixas. O Culler de pau de Javier Olleros converteuse no primeiro restaurante galego que ingresa nesta selecta lista

Javier Olleros, na cocina de Culler de pau Culler de pau

A prestixiosa Opinionated About Dining (OAD), que cada ano elixe aos 200 mellores restaurantes de Europa en base ás críticas elaboradas por prescritores de todo o vello continente, puxo os seus ollos nas Rías Baixas. O Culler de pau de Javier Olleros converteuse no primeiro restaurante galego que ingresa nesta selecta lista.

Para Olleros, que rexenta este establecemento no Grove desde hai dez anos, este recoñecemento provócalle "emoción, orgullo e alegría a partes iguais", xa que supón un "empuxón" para situar á provincia de Pontevedra no panorama gastronómico europeo.

Xunto a Culler de pau, a lista OAD incluíu a outros 36 restaurantes españois. Tres deles, Etxebarri de Víctor Arguinzoniz, Azurmendi de Eneko Atxa e o restaurante de Quique Dacosta, están entre os dez mellores de Europa.

O éxito de Javier Olleros radica en facer, segundo explica, "unha cociña con sensibilidade, de raíces, creativa e que busca emocionar". Unha cociña na que cada prato "é un relato, unha historia de compromiso co produto, os produtores, os artesáns, coa contorna e o territorio, coa ecoloxía e a sustentabilidade, co sabor e a frescura".

O Grove é, para el, "un espazo esencial no noso discurso culinario, un lugar privilexiado e do que a nosa cociña quere ser prolongación e reflexo, un micro mundo, ao que non queremos renunciar senón potenciar a través do traballo calado pero sen complexos, apaixonado, honesto e reflexivo, desde o que podemos contribuír a visibilizar Galicia".

A súa inclusión nesta lista é "un soño feito realidade", segundo o chef pontevedrés, que é posible grazas a un equipo do que destaca a súa "paixón" á hora de afrontar o duro traballo diario, e no que flúe "a unión, o agarimo, a implicación, o equilibrio e as ganas de divertirse e contaxiar esa alegría ao comensal".

Ademais, tamén agradece a colaboración dos pequenos produtores e artesáns que traballan con el, "persoas que transmiten a sabedoría e a esencia deste territorio e son nexo de unión indispensable entre o restaurante e esas materias primas selectas, de tempada e da nosa contorna, provenientes da agricultura e a pesca sustentables".

O cociñeiro tampouco se esquece dos comensais que "cada día, interésanse polas experiencias enogastronómicas que concibimos para eles, valóranas, fanas súas, cóntanas e comparten, e trasládannos as súas emocións nun feedback que nos enriquece e polo que evolucionamos coa mesma paixón ou máis se cabe que o primeiro día".