O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, lembrou este luns que o Concello leva máis dun ano esperando o novo "e ansiado" proxecto de mellora da estrada de Almofrei, despois de que o goberno da Deputación Provincial cancelara a obra que xa estaba contratada para este vial, e volveu insistir na necesidade deste proxecto.
O rexedor amosouse "disposto a tender pontes" coa Deputación de Pontevedra, á que acusa de cancelar "unilateralmente" a obra xa contratada polo anterior goberno para a EP-0405.
Cubela enviou unha carta á veciñanza de Almofrei explicándolles que están nun momento de 'impass' con este proxecto pola "inacción resolutiva" da Deputación de Pontevedra e que o Bipartito cancelou este proxecto e o Concello amosou o seu rexeitamento. Finalmente, en xaneiro do 2020, durante a inauguración da Praza da Chan, os responsables da Deputación manifestaran o seu compromiso de presentar un novo anteproxecto e o alcalde lembra que pasou máis dun ano e "seguimos agardando".
O alcalde asegura que mantén "en todo momento" un "talante aberto e construtivo" e que non deixa de lado a xestión e intermediación para lograr que Almofrei teña canto antes un anteproxecto "serio e contrastado" para a EP-0405, que responda ás necesidades da veciñanza desde un punto de vista de seguridade vial, dotación orzamentaria e urxencia na súa execución.
Tras insistir en que, despois de todo un ano de espera, "seguimos sen noticias por parte da Deputación, agás que están traballando no tema", Cubela insiste ante os veciños en que poden ter a "completa seguridade" de que o Concello e el mesmo están pendentes e dispostos a abrir calquera canle de diálogo co único obxectivo de conseguir para os veciños "o que é de xustiza".