Cubela repasa os investimentos previstos en Augasantas

Cerdedo-Cotobade
04 de agosto 2017

O alcalde reuníuse coa asociación de veciños e a comunidade de montes

Cubela reuniuse coa asociación de veciños e a comunidade de montes de Augasantas Concello de Cerdedo Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, repasou este venres os investimentos previstos en materia de estradas, rede de augas e servizos públicos na parroquia de Augasantas por valor de 820.000 euros. Foi nunha xuntanza de traballo mantida co presidente da asociación de veciños, Lino Morales, e á comunidade de montes, representada por Nicasio Rivas.

En primeiro lugar, Cubela explicoulles que a primeira fase da mellora da estrada PO-234, que beneficiará ao treito entre Augasantas e o cruce de Portasouto, xa rematou o seu proceso de licitación con vinte empresas presentadas e un orzamento de 650.000 euros. A proposta de adxudicación da Xunta, a prol da empresa F.Gómez, podería concretarse nos vindeiros días para que as obras comecen en outubro.

Asimesmo, o presidente indicoulles que a reforma da Casa do Pobo xa rematou o seu concurso, ao que concorreron doce empresas, sendo adxudicado a José Barros Fernández. O investimento, cifrado en 53.000 euros máis 5.000 en melloras, arrancará despois das festas de Augasantas no mes de setembro, segundo se acordou con veciños e comuneiros.

Na xuntanza tamén se abordou a mellora do abastecemento cunha partida de 40.000 euros que servirá para arranxar os problemas existentes coa dotación de novas capatacións, a reposición de entubados, a construción dun bombeo en Ceraxe e a mellora dos depósitos.

Outras cuestións que se abordaron neste encontro foron a mellora das fontes das Pozas, en Valiñas, e de Campodanta grazas a unha subvención duns 10.000 euros da Xunta e o inminente asfaltado dun camiño de 500 metros entre O Campo e Ceraxe cun investimento duns 40.000 euros.

Finalmente, Cubela abordou cos veciños e os comuneiros o recente proceso de mellora da alameda de Augasantas, na que se realizaron importantes traballos de acondicionamento valorados en 20.000 euros, e se analizou a posible mellora da contorna.

Neste senso, o rexedor explicou que vai negociar coa Xunta un posible proxecto de empedrado da estrada autonómica ao seu paso por Augasantas para seguir potenciando a imaxe da contorna da citada alameda.