Cubela quere que a Deputación recolla as demandas veciñais no novo proxecto da estrada de Almofrei

Cerdedo-Cotobade
06 de febreiro 2020

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, considera moi positivo que a Deputación anunciase a redacción deste novo proxecto pero pide un proceso negociador que atenda as peticións veciñais

O alcalde Jorge Cubela xurando o cargo Concello de Cerdedo Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade pon como liña vermella ao novo proxecto viario anunciado pola  Deputación para acometer a mellora viaria da  EP-0405 en  Almofrei que se teña en conta a petición veciñal na que se reclama o ensanche desta estrada.

Jorge Cubela considera moi positivo que a Deputación anunciase a redacción deste novo proxecto, tal e como confirmaba o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, pero lembra que hai que abrir un proceso negociador que contente a todas as partes e desenquistar unha situación que leva catro anos sen avances, segundo expón o rexedor.

Desde o goberno local de Cerdedo-Cotobade indícase que é preciso modificar unha plataforma da calzada para corrixir a estreiteza da vía e a sinuosidade de moitas das curvas, que converten á vía nunha zona de inseguridade na circulación.

Cubela afirma que están dispostos a negociar, dialogar e a buscar acordos coa Deputación en canto aos criterios de mobilidade da administración provincial pero sempre que se atendan as demandas da parroquia de Almofrei.