Cubela presume de recoller en tempo récord a cesión veciñal de 69 leiras afectadas pola ampliación dunha estrada

Cerdedo-Cotobade
29 de agosto 2022

O alcalde de Cerdedo-Cotobade indica que pon a disposición da Deputación todo o necesario para "que se remate dunha vez" o último tramo da mellora da EP-7102 entre Serrapio e Portela cun orzamento duns 450.000 euros na estrada Fondós-Bugarín

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, mantén un encontro con propietarios de terreos da estrada Fondós-Bugarín Concello de Cerdedo-Cotobade

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, anunciou este luns que concluíu a recollida das sinaturas dos propietarios de 69 terreos afectados pola ampliación da estrada EP-7102 entre Serrapio e Portela, unha vía que se sitúa entre Fondós e Bugarín.

A estrada atopábase pendente da execución por parte da Deputación de Pontevedra e o investimento previsto é de 450.000 euros. Segundo sinala o goberno local, só sete terreos terán que ser sometidos a un proceso de expropiación forzosa ao non lograr localizar aos propietarios.

Cubela afirma que con "esta rápida xestión do Concello" finalizan todas as reclamacións realizadas pola Deputación Provincial para afrontar este último tramo da mellora da estrada. Sinala que é unha reforma reclamada pola veciñanza da parroquia de Quireza desde hai tempo.

Neste sentido, o rexedor agradece ás persoas propietarias a súa colaboración para ceder estas 69 leiras para que se axilice o expediente que permita executar a obra de ensanche dese tramo de estrada de apróximadamente un quilómetro de distancia e que pasaría de 4 metros de ancho a unha amplitude de 7 metros. Jorge Cubela indica que unha vez finalizado este trámite en tempo récord espera que a Deputación que preside Carmela Silva acometa as obras canto antes, xa que o procedemento para acometer a obra "alóngase demasiado no tempo", indica o alcalde.