Cubela presenta á Xunta e Deputación proxectos que superan os 2,1 millóns de euros

Cerdedo-Cotobade
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou ao longo destes días proxectos ante a Xunta e a Deputación que suman un investimento de 2.219.000 euros

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou ao longo destes días proxectos ante a Xunta e a Deputación que suman un investimento de 2.219.000 euros. 

Concretamente, os presentados á administración autonómica superan o 1.200.000 euros, destacando os 500.000 euros para o saneamento do lugar de Torrevella, en Tenorio; a mellora de viais públicos na Aldea Modelo de Mouteira-Parada; a posta en valor do Castro da Cividá; a sinalización do sendeiro de Calvelo; mellora da antiga Casa Escola de Nenas de Caroi; obras de eficiencia enerxética no campo de fútbol das Estremas; elevación do falto teito do Centro Sociocultural de Tenorio; adquisición dun vehículo todoterreo para labores medioambientais; o saneamento dos lugares de Cuñas e Quintán, en Viascón; a instalación dunha bomba de calor e climatización en Cerdedo e o ensanche e pavimentación do lugar de Veiguiña do Medio, en Santa María de Sacos.

Polo que respecta á Deputación, a liña de subvencións ás que concurre o Concello de Cerdedo-Cotobade suma uns 900.000 euros entre o Plan +Provincia (uns 850.000 euros) e o especial de infraestruturas deportivas (uns 50.000 euros). Ademais de completar os investimentos nalgunhas subvencións solicitadas á Xunta de Galicia tamén se abordará a través do ente provincial o retranqueo de muros, cuneta e galpón en Parada de Tenorio; a recollida de augas pluviais e pavimentado de pistas en Cuiñas e Costiña; ensanche e mellora do vial de Calvelo de Abaixo; instalación de 5 báculos e substitución de luminarias nas parroquias de Borela e Almofrei; mellora da seguridade viaria en Rebordelo; completar o Plan Marco 2024-25; pavimentación do acceso a Framil; recollida de pluviais en Rúa dos Carballos; pavimentación do acceso á Revolta e ampliación do parque infantil da gardería de Tenorio.

Segundo manifestou Jorge Cubela, "seguimos coa ilusión do primeiro día de mandato presentando proxectos, chamando en todas as portas e buscando o financiamento necesario para transformar en positivo o noso territorio tendo como protagonistas ás peticións e solucións ás necesidades das persoas".