Cubela esixe a retirada do informe do PSOE contra os Baños de San Xusto tras comprobarse a súa legalidade

Cerdedo-Cotobade
23 de maio 2020

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, recalcou que vai defender a obra "ata as últimas consecuencias" e que non vai permitir que "se poña en dúbida unha actuación e un convenio plenamente legal entre a Xunta, a Fegamp e o Concello"

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de esixir publicamente ao PSOE que retire de inmediato a súa iniciativa parlamentaria na Cámara Galega contra a rehabilitación dos Baños de San Xusto tras comprobarse, a través do informe da asesoría xurídica da Xunta de Galicia, a súa legalidade e a axeitada tramitación normativa do convenio e de todo o procedemento para financiar a obra con 680.000 euros ao abeiro do primeiro Pacto pola Paisaxe da comunidade autónoma.

Neste senso, o rexedor recalcou que vai defender a obra "ata as últimas consecuencias" e que non vai permitir que "se poña en dúbida unha actuación e un convenio plenamente legal entre a Xunta, a Fegamp e o Concello".

Por elo, ademais de pedir ao PSOE galego que cese no seu "ataque e boicot" contra esta obra, Cubela tamén retou aos socialistas de Cerdedo-Cotobade a xestionar cos seus compañeiros no Hórreo a revogación desta iniciativa parlamentaria e a lamentar publicamente a mesma.

O alcalde asegura non entender os motivos polos que o PSOE segue posicionándose contra esta obra e tentando paralizala cando a suxerencia do Defensor del Pueblo non é vinculante e contén moitísimas anomalías e cando o informe xurídico da Xunta é tan contundente sobre a total legalidade da actuación.

Ademais, engadíu que o procedemento ante o Defensor está paralizado, xa que o Concello pedíu a anulación da súa recomendación polas numerosas irregularidades que contén.