Cubela chama a participar na concentración contra o peche da sucursal de Abanca en Carballedo

Cerdedo-Cotobade
14 de xullo 2021
Actualizado: 18:39

O alcalde de Cerdedo-Cotobade solicita o apoio dos seus veciños ás xestións realizadas e a esta mobilización fronte a abandono do rural que a entidade bancaria está levando a cabo en toda Galicia co peche de oficinas 

Caixeiro de Abanca Mónica Patxot

O Concello de Cerdedo-Cotobade convoca para este xoves 15 de xullo, ás 20 horas, unha concentración de repulsa contra a decisión da dirección de Abanca de pechar 15 das súas oficinas na provincia de Pontevedra, entre elas as de Soutelo de Montes (Forcarei), Seixo (Marín), Vilaxoán e Carril (Vilagarcía) e Carballedo.

Esta convocatoria prodúcese despois dun acordo unánime de todos os membros da Corporación Municipal expresada no último Pleno e despois de que o alcalde, Jorge Cubela, se reunira con comerciantes e autónomos e analizaran a situación e os prexuizos que esta decisión suporía o normal desenvolvemento das súas actividades e para a súa operativa financeira.

O alcalde se puxo en contacto coa dirección de Abanca, incluído Juan Carlos Escotet, presidente da entidade crediticia, enviándolle sendas cartas de protesta facendo un chamamento a que reconsideraran esa decisión sin obter o resultado esperado "polo que non queda outra vía para expresar este rexeitamento que a da mobilización veciñal".

Jorge Cubela enviou tamén unha carta á veciñanza na que lle solicita o seu apoio ás xestións que leva realizado e pide ao pobo que se mobilice ante unha decisión que considera “inxustificada, absurda e arbitraria e que vulnera calquera principio de reciprocidade e compromiso co país”, sinalou o rexedor.

Por outra banda, de persistir a decisión de peche da oficina de Abanca en Carballedo, o alcalde, que neste tema está comisionado por acordo plenario da corporación municipal, manterá contactos con outras entidades financieiras coa intención de que se poida cubrir o oco que deixa baleiro o banco galego-venezolano e emprenderá un proceso de migración das súas contas fóra de Abanca.

Esta decisión non se descarta que poida ser secundada do mesmo xeito por comerciantes, autónomos e mesmo aforradores que nos últimos días expresaron ao alcalde a súa "sensación de seren traizoados por Abanca" polo que lle manifestaron o seu apoio e desexo de acompañalo nun hipotético proceso de migración de contas cara outra entidade.

O PSOE RETIRA OS SEUS CARTOS DE ABANCA

A este respecto, os socialistas de Cerdedo-Cotobade anunciaron a retirada da súa conta bancaria en Abanca, como consecuencia do peche da sucursal de Carballedo. Agardan que esta medida sexa adoptada tamén polo goberno municipal.

Lina Garrido alerta das consecuencias "gravísimas" que causará a decisión da entidade bancaria, especialmente para os veciños de maior idade, que deberán desprazarse ata Cerdedo ou usar unha banca electrónica á que "non están acostumados".

Os socialistas entenden que o peche definitivo da entidade bancaria supón un ataque ao rural e aos seus veciños e veciñas "que non podemos consentir", polo que animan a participar na concentración convocada para mañá na Praza da Chan.