Croquetas de berberechos ao estilo gourmet de Conservas Pescamar

Pontevedra
08 de xullo 2017

Chegamos a unha nova entrega estival de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamar e un dos produtos estrela da cociña atlántica: o berberecho.

Croquetas GastroyPolitica By FB

Chegamos a unha nova entrega estival de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamare un dos produtos estrela da cociña atlántica: o berberecho.

Este molusco posúe un alto contido en ferro, que o converte nun grande aliado fronte á anemia. Ademais, achega proteínas de alto valor biolóxico que, unidas ao seu baixo contido calórico e graxo, fano un alimento ideal nas dietas de adelgazamento.

Para preparar unhas saborosas Croquetas de berberechos ao natural Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:

- 2 latas de berberechos ao natural Pescamar

- 50 gramos de manteiga

- 50 gramos de fariña

- medio litro de leite enteiro

- pan relado

- ovo batido

- aceite de oliva virxe extra

- pementa branca

- sal

Preparación:

Comezamos a receita preparando a salsa bechamel.

Nunha cazola, fundimos a manteiga a lume medio. Engadimos a fariña e refogamos.

En canto a mestura comece a tomar cor tostada, imos engadindo o leite aos poucos, sen deixar de remexer, para que non se formen grumos.

Cando o leite se funda coa masa, seguimos cociñando a lume medio ata conseguir unha crema espesa e homoxénea. Retiramos do lume e salpementamos.

Engadimos a esta bechamel os berberechos ao natural Pescamar coa metade do mollo que levan na lata, aproximadamente. Para non pasarnos, iremos vertendo o mollo aos poucos, sen deixar que a crema perda a súa consistencia. Mesturamos ben. Dispoñemos a masa sobre unha fonte e deixamos arrefriar.

Tomamos pequenas porcións da masa e formamos as croquetas en forma de bólas. A continuación, pasámolas polo ovo batido e o pan relado.

Poñemos unha cantidade abondosa de aceite nunha tixola e fritimos as bólas ata que estean douradas e deixámolas escorrer sobre papel absorbente. A continuación, servímolas.

Estas croquetas son un excelente aperitivo, tanto presentadas en frío como en quente. Pódense acompañar na súa presentación dunhas follas de rúcula ou cóengos.

Nuns días, farémosvos chegar unha nova suxestión culinaria de "A cociña gourmet en conserva", con Conservas Pescamar.