O sindicato Alternativa na Xustiza-CUT denuncia que na fase 2 da desescalada, a Xunta de Galicia pon en perigo a integridade dos traballadores da Administración de Xustiza e dos cidadáns, xa que o aumento do número de traballadores (60- 70%) non está acorde coas medidas pola Xunta para manter a distancia interpersoal de dous metros.
Esta situación afecta aos xulgados de Pontevedra, onde este sindicato considera que a existencia de tres sedes xudiciais permite a reubicación dos traballadores noutras oficinas garantindo a distancia de separación interpersoal, sen desbotar por suposto a entrega de EPIs a tódolos traballadores, o que permitiría "de facto" recuperar a normalidade na administración de Xustiza e que os traballadores fixeran a súa xornada laboral completa.
Esta reubicación "axilizaría a Xustiza en Pontevedra considerablemente", pero o sindicato critica que "con todo, a Xunta nin sequera considera esta opción".
Alternativa na Xustiza-CUT critica que mentres noutras comunidades autónomas se consensuan as medidas preventivas de cara á COVID-19 cos representantes dos traballadores, a Xunta "xa está actuando baixo un 'ordeno e mando' máis propio doutras épocas, e que permite albiscar o futuro que nos espera".
Dende Alternativas na Xustiza avisan dos riscos que suporía unha desescalada sen medidas axeitadas de prevención e achegan posibles solucións como a colocación de mamparas entre postos de traballo e nas mesas xa que son moitos xulgados galegos os que non teñen mostrador e os cidadáns que acuden ao xulgado acceden ao seu interior, pois xa saben quen leva o seu asunto, pasando por diante das mesas. Tamén piden medidas de limpeza efectivas e permanentes que impidan calquera posible risco de contaxio.
Este sindicato critica tamén que a Xunta "non ten vontade de negociación" coas organización sindicais e toma as decisión "unilateralmente" e que a día de hoxe, (a diferencia doutras comunidades autónomas) "nin están (nin se esperan) as famosas mamparas de metacrilato ou policarbonato prometidas na reunión do 14 de abril"; e que permitirían diminuír o contaxio en sedes xudiciais onde os traballadores están demasiado próximos uns aos outros.
Engaden que a Xunta incumpre a obriga de cambiar a máscara cada 4 horas, que é a duración das máscaras cirúrxicas, ao facilitar tan só unha por traballador e dia e demandan que se entreguen dúas por día e traballador, e tamén cuestionan que o reparto de xel hidroalcohólico é insuficiente.