O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) iniciará este venres 15 unha campaña de cribado preventivo de detección da covid-19. Efectuarase no aparcamento dos xardíns Urbano Lugrís nas Lagoas, no municipio de Bueu, ata o vindeiro luns 18 de xaneiro.
A intención por parte das autoridades sanitarias é detectar o maior número posible de persoas portadoras asintomáticas. Con este control búscase reducir a cifra de contaxios de coronavirus que se está a detectar nesta vila do Morrazo.
O criterio establecido céntrase en realizar as probas voluntarias a persoas de 15 ou máis anos, con tarxeta sanitaria activa e centro de saúde asignado en Bueu, que non sexa persoal de residencias, que non teñan unha proba PCR positiva no último trimestre e que dispoña dun teléfono móbil ao que se lle poida enviar un SMS de citación e tamén o resultado da proba.
O total de usuarios con Tarxeta Sanitaria en Bueu ascende a 12.009 persoas, incluíndo menores de 15 anos, dos que 9.914 son maiores dos 15 anos de idade. Entre estes últimos, 8.167 teñen entre 15 e 70 anos, colectivo ao que se lle efectuará voluntariamente o cribado con test de saliva. Outros 1.748 habitantes contan con máis de 70 anos, neste caso realizarase mostras nasofarínxeas, tamén de carácter voluntario.
Para desenvolver esta campaña durante estes catro días, a Administración Sanitaria Pública de Galicia destinará 13 profesionais, coordinados por un médico. Realizarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, entregarán botes para as mostras de saliva, controis de realización das tomas nasofaríngeas e ofrecerán información ás persoas usuarias.
Este venres, entre as 08.30 e as 18.30 horas, os equipos profesionais entregarán miles de botes para a recollida das mostras de saliva a cidadáns citados. Continuará o sábado 16 e o domingo 17 co mesmo horario de actividade coa recollida das mostras dos tubos entregados, que serán enviados ao servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para que sexan analizadas as mostras.
Durante o domingo 17 e o luns 18 prevese efectuar máis recollida de botes con mostras de saliva e tomas nasofarínxeas á poboación de máis de 70 anos de idade. Todos os resultados serán comunicados aos participantes a través de SMS, sempre que o resultado sexa negativo.
No caso de que a proba ofreza un resultado positivo, a notificación comunicarase de maneira individual a cada cidadán a través de chamada telefónica.
FÉLIX JUNCAL FAI UN CHAMAMENTO Á CIDADANÍA
O alcalde Félix Juncal manifestou que agarda que este cribado permita facer unha radiografía sanitaria do municipio. O rexedor destaca que "as novas medidas non supoñen ningún cambio nin variación e o Concello de Bueu continúa no nivel máximo de restricións, o que non contradí que a evolución dos últimos días está sendo positiva, tanto na redución e estabilización dos casos activos como na incidencia acumulada, tanto a 7 como a 14 días". O rexedor incide en que "a cidadanía deberá seguir cumprindo estritamente coas medidas de seguridade e hixiene, e limitar ao máximo os desprazamentos".
Bueu situarase a partir deste venres no nivel alto de restricións e entre as novas medidas que afectan á vila estarían: as reunións serán dun máximo de 4 persoas; o toque de queda adiántase ás 22.00 horas; o horario de peche do comercio fíxase ás 21.30 horas; os centros recreativos turísticos ou similares terán un aforo do 50%, cando haxa grupos serán de 4 persoas máximo; e a hostalería e restauración poderá abrir ata as 18.00 horas, pero só con atención en terrazas, ou con entrega a domicilio sen límite.
Ademais, a mobilidade non se permitirá máis aló do municipio, quedando illados de xeito individual.