Cribado a menores nas farmacias: "son máis asintómaticos e poden estar a se converter en auténticos focos da enfermidade"

Pontevedra
12 de abril 2021

As probas empezaron a realizarse este luns e os primeiros usuarios xa acudiron ás farmacias. En Amaro e Area de Benito Corbal, nada máis abrir, xa tiveron aos primeiros interesados. A primeira en acudir foi unha persoa adulta que quería realizar o test ao seu fillo. "Veu inmediatamente pola inquietude" 

Test para o cribado de menores en farmacias Mónica Patxot

As farmacias de Pontevedra convertéronse este luns, de novo, en foco de atención por un programa pioneiro. Se no mes de febreiro probaron unha campaña de cribado da covid-19 entre a poboación de 40 a 64 anos, agora fan o propio cunha iniciativa sen precedentes noutros puntos de España, test masivos para menores de 12 a 17 anos. Tras anunciarse durante a fin de semana, as probas empezaron a realizarse este luns e os primeiros usuarios xa acudiron a rexistrarse.

As oficinas de farmacia empezaban este luns para repartir os kit de recollida de mostra e nalgunhas farmacias como a Amaro e Area de Benito Corbal, nada máis abrir, xa tiveron aos primeiros interesados. A primeira en acudir foi unha persoa adulta que quería recoller o tubo co que realizar o test ao seu fillo. "Veu inmediatamente pola inquietude", valora un dos farmacéuticos deste establecemento, Luís Amaro. 

Este farmacéutico pontevedrés confirma esa preocupación entre as familias polo posible contagios dos seus fillos sen que se detecte a enfermidade porque a poboación máis novas é tamén a que máis pasa a enfermidade sen síntomas. "É un grupo de poboación que socialmente está a interactuar co moitas persoas da súa contorna, nos centros educativos e coas súas amizades e, encima, son máis asintómaticos, é máis difícil detectar a enfermidade", explica. 

De modo que o obxectivo desta campaña é lograr detectar asintómaticos, "tentar atopar a esas persoas que poidan ser portadoras a enfermidade e non o saiban e poidan estar a contaxiar aos seus familiares e converténdose eles mesmos en auténticos focos da enfermidade". 

Luís Amaro aplaude a iniciativa, que é resultado da colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. "Está moi ben", indica, " primeiro fíxose de 40 a 64 e agora este grupo, que quizais está máis descontrolado que o resto".

Segundo explica, é a primeira experiencia que se realiza en España destas características, entre menores, e confían en que teñan o mesmo "éxito rotundo" da campaña para a poboación maior de 40, que entre o 9 de febreiro e o 23 de marzo permitiu detectar 74 persoas asintomáticas con resultado positivo tras realizar test a 40.460 persoas en Pontevedra. 

Nesta ocasión, realízase aos menores un test de antígenos por PCR que se analiza a través da técnica de poolingno Laboratorio de Microbiología da área sanitaria de Vigo. En total, están chamados a realizar estes test os 52.563 mozos con tarxeta sanitaria Sergas de idades comprendidas entre 12 e 17 anos. 

Non se poderán someter á proba os menores doutras comunidades autónomas nin que pertenzan mutualidades como Muface, Mugeju ou Isfas e quedan excluídos tamén 1.084 mozos deses 52.563 que cumpren algún criterio de exclusión: ter un resultado positivo en covid-19 nos últimos 3 meses, ser contacto de seguimento covid-19 ou residir nunha residencia para persoas con discapacidade. Desta forma, poderá pasarse polas farmacias 51.479.

Segundo explicou a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, a metodoloxía é moi similar á do cribado anterior, coa diferenza que o consentimento informado dos menores de 12 a 15 anos ten que asinalo un dos seus pais ou o titor e, por iso, non é necesario que os nenos vaian á farmacia, senón que pode ir só a persoa que asine o consentimento levando a tarxeta sanitaria do neno. Os mozos de 16 e 17 anos só terán que ir se deciden asinalo eles mesmos.

O máximo diario de menores que se poden incorporar ao programa é de 20 por farmacia. Os sábados, domingos e festivos as farmacias non poden recoller mostras, aínda que si poden entregar tubos. O procedemento empeza co desprazamento ata a farmacia do menor de 16 ou 17 ou dos pais ou titores de nenos de 12 a 15. O farmacéutico rexistra ao menor, asínase o consentimento e fai entrega do tubo de recollida de mostra e explica como se debe realizar a auto recollida da saliva: en xaxún e sen beber nin lavarse os dentes.

A mostra de saliva débese recoller o mesmo día que se vai a levar á farmacia nada máis levantarse e levar á mesma farmacia ao día seguinte de recoller o tubo, ou no seu caso o próximo día hábil, antes das 10:30

Unha vez procesada a mostra no laboratorio, o resultado introdúcese na Historia Clínica Electrónica do Servizo Galego de Saúde e comunícase a través do teléfono móbil que o farmacéutico indicou na aplicación. Se o neno non recibe o resultado no móbil antes de 72 horas, deben comunicalo na farmacia.​