O xulgado de instrución número 2 de Cambados celebrou este mércores a vista previa por un presunto delito de suborno relacionado cos supostos sobreprezos dos alugueres duns baixos comerciais en Vigo polos que están implicados o actual presidente da Federación Galega de Fútbol e expresidente da Deputación de Pontevedra, a súa esposa e o exdiputado provincial Severino Reguera.
Rafael Louzán restou importancia á cita de hoxe nos xulgados de Cambados ao afirmar que "estamos ante unha cuestión de trámite" e describiu este proceso como "un longo peregrinar".
Nesta ocasión foi a Fiscalía e os avogados das defensas os que tiveron protagonismo nesta cita ante o xuíz que se prolongou durante algo máis dunha hora.
Segundo Louzán, a súa defensa está "moi ben argumentada e moi ben documentada" e cre que "todo está perfectamente claro" xa que a xustificación entregada "non pode ser máis contundente".
Agora está en mans do titular do xulgado de instrución número 2 de Cambados decidir se abre o xuízo oral con tribunal popular previsto nestes procesos penais, se arquiva o caso, ou ben se continua coa investigación para que as defensas poidan achegar máis probas.
Rafael Louzán comentou que "curiosamente" ao longo de todo este proceso "xa pasaron bastantes xuíces por este xulgado".
"Creo sinceramente que este caso se existe é porque me chamo Rafael Louzán e fun presidente da Deputación", dixo Louzán, convencido de que "non hai base ningunha, nin xurídica, nin técnica nin documental que poida acreditar a existencia dun delito".
No caso de que o xulgado decida a apertura de xuízo oral, Louzán cre que "aí teremos máis oportunidade mesmo de poder explicar" que se se fai un sobresemento definitivo respecto diso.
Entre outros argumentos os letrados sinalaron o prezo dos alugueres dos locais da zona "con prezos similares ou máis caros", e lembrou que xunto á súa esposa tomou a decisión de comprar tres locais "como un investimento e subscribimos un préstamo hipotecario ata o ano 2023 e fóra de aí non hai nada máis", asegurou.
Louzán tamén informou que as defensas reprocharon ante o xuíz que "estamos ante un xuízo claramente político" algo que, segundo o ex presidente da Deputación de Pontevedra, tamén lle sinalaron moitos cidadáns pola rúa e mesmo algúns adversarios políticos "que me preguntan, como se sostén isto? ".
Rafael Louzán: "estamos ante un xuízo claramente político"
"Comprei eses tres locais porque un amigo e veciño de Ribadumia tamén comprou ao lado e recomendoumo, era un investimento perfecto", recalcou Louzán. Un pouco despois tamén comprou Severino Reguera, "unha cousa do máis normal e do máis habitual. Estamos nun libre mercado", puntualizou Louzán.
As defensas tamén criticaron que a estimación da existencia dun sobreprezo no aluguer destes locais está feita en base a unha prospección de mercado de dous axentes da Policía Xudicial, mentres que estes avogados achegaron unha serie de contratos "que deixan en evidencia todo iso" e chamaron a atención no feito de que a Axencia Tributaria nunca se manifestou sobre esta situación.
"Eu creo que pago anualmente entre 50 e 60 mil euros en impostos", comentou Louzán respecto dos seus ingresos en concepto de nómina, estes alugueres e venda de uva.
Na instrución deste caso tamén figura un informe da empresa tasadora Tinsa que recolle que, anos despois da firma do contrato de aluguer houbo unha baixa nos prezos da zona dun 35%.
"É unha causa moi sorprendente, non se entende nin se explica", insistiu Rafael Louzán
"É unha causa moi sorprendente, non se entende nin se explica", insistiu Rafael Louzán, reafirmándose na súa tese de que "isto é un xuízo político por chamarme Rafael Louzán, porque se eu fose un cidadán normal este caso non existe".
Terminada a fase de instrución, con toda a documentación achegada e os testemuños que reclamou o xulgado, incluída a propia cooperativa de vivendas MonteAlba, o expresidente do Partido Popular na provincia de Pontevedra agora só espera "que todo isto acabe canto antes".
"Creo que todos os cidadáns somos absolutamente iguais ante a lei e ter o mesmo trato e non diferente por ser presidente da Deputación ou un cargo público nesta provincia", concluíu.