Crema de mexillóns gourmet Pescamar con tacos de peixe

Pontevedra
15 de agosto 2020

A serie de "A cociña gourmet en conserva" ofrécenos unha receita que é indicada para entrante ou como prato principal, e na que aproveitaremos todas as propiedades do mexillón, un molusco caracterizado polo seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, axeitado para unha dieta saudable

Crema de mexillóns con peixe Светлана Зорькина en Pixabay

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos cociñar unha crema de mexillóns que é indicada para entrante ou como prato principal, se desexamos un menú lixeiro.

Os Mexillóns Pescamar son altamentes nutritivos, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. O seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas, convértenos nunha perfecta alternativa ás carnes vermellas en dietas saudables e de control de peso.

Esta receita ofrécenola o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar. A través da súa páxina web, tamén nos lembra que "todas as elaboracións de peixe enlatado son moi aconsellables desde o punto de vista nutritivo".

Para preparar unha deliciosa Crema de mexillóns gourmet Pescamar con tacos de peixe, necesitamos os seguintes ingredientes:

- 2 latas de Mexillóns gourmet de Conservas Pescamar

- 500 g de peixe espada cortado en tacos

- 1 feixe de allos tenros

- 1 feixe de porros

- 1 kg de patacas

- nata líquida

- 1 pemento vermello

- 1 rama de fiúncho

- pementa branca e sal

- caldo de peixe

- 2 dl de leite

- 150 g de manteiga

- aceite de oliva

Elaboración:

Refogamos en manteiga todos os ingredientes agás os mexillóns e o peixe espada. A continuación, vertemos o caldo de peixe e deixamos fervendo 20 minutos.

Transcorrido este tempo, pasamos o contido da cazola polo coadoiro chinés, levámolo de novo a ebulición e engadimos un pouco de sal e pementa. Suavizamos a mestura con nata.

Paralelamente, pasamos pola prancha ben quente e cun chisco de aceite os tacos de peixe espada.

Presentamos a crema nun prato sopeiro ou en cuncas de consomé. Colocamos enriba os mexillóns gourmet Pescamar, previamente escoados do líquido da lata, os tacos de peixe espada e unha ramiña de fiúncho.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.