COVSA acometerá os novos servizos e a mellora de mobilidade no núcleo da Puntada, Portosanto e Saíñas

Poio
16 de maio 2022

A empresa realizará diversas reformas nesta zona de San Salvador de Poio a través dun orzamento que ascende a máis de 937.000 euros, IVE engadido, financiado a través do Programa Reacpon e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Proxecto de mellora para A Puntada, Portosanto e Saíñas Concello de Poio

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do proxecto para reformar Portosanto, A Puntada e Saíñas á empresa COVSA, despois dun concurso ao que se presentaron catro empresas. 

O orzamento para estes traballos de rehabilitación integral e mellora sostible ascende a 937.752 euros, con IVE engadido. Finánciase nun 80% a través do programa ReacPon da Deputación de Pontevedra e nun 20% a través de fondos do Plan Concellos, segundo indica Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica.

O concelleiro entende que a obra supoñerá unha "completa transformación" desta zona situada en San Salvador de Poio e que actualmente se atopa nun estado notable de degradación.

Os traballos comezarán nas próximas semanas, segundo avanza Agís, para que durante o verán estea en marcha xa que se trata dunha zona de actuación que resulta compatible coa actividade turística. Incluso este período é beneficioso para realizar os traballos en Saíñas, onde se atopa a escola infantil, co alumnado de vacacións durante os próximos meses. 

Se se cumpren as previsións do Concello, a obra finalizaría na primavera de 2023. Renovaranse servizos básicos mellorarase a seguridade peonil. Na zona da Puntada poñerase en marcha unha senda peonil ata Pontevedra.