Costas rexeita prorrogar a concesión á gasolineira do Burgo e o Concello xa pensa en convertela en zona verde

Pontevedra
29 de agosto 2019
Actualizado: 14:18

O tenente de alcalde do  Concello de Pontevedra, Tino Fernández, mostrou a súa "satisfacción" pola decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de non concederlle a prórroga da concesión á gasolineira do Burgo na súa actual localización en terreos de dominio público marítimo-terrestre

Gasolineira Mónica Patxot

O tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Tino Fernández, mostrou a súa "satisfacción" pola decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de non concederlle a prórroga da concesión á gasolineira do Burgo na súa actual localización en terreos de dominio público marítimo-terrestre.

A Dirección Xeral da Sustentabilidade da Costa e o Mar comunicou esta decisión á empresa Repsol en contestación á solicitude de prórroga da concesión outorgada no ano 1961 e que caducou o 29 de xullo de 2018.

A concelleira Carme da Silva destacou que no goberno local "alegrámonos moitísimo que se recupere para o uso público o espazo no que está a gasolineira do Burgo".

A reforma deste espazo que agora ocupa a gasolineira xa estaba incluida no proxecto para a ponte do Burgo "coa vista de que cando se liberase da gasolineira se puidese intervir alí".

Carme da Silva lembrou que a recuperación dos espazos de dominio público que hai no municipio "é algo que está nas necesidades que o goberno de Pontevedra expón desde hai moito tempo". Neste sentido sinalou a recente reclamación a Costas o estado de tramitación dos distintos expedientes que pode haber nesta situación.

A concelleira nacionalista espera agora que "haxa axilidade agora con outros espazos" que tamén están pendentes de ser recuperados para o seu uso público.

Pola súa banda o tenente de alcalde, Tino Fernández destacou a "sensibilidade" do Goberno do Estado "de liberar para o uso e goce das pontevedreses zonas de Dominio Público Marítimo Terrestre como esta", que suma uns 945 metros cadrados de chan público.

"Esta decisión do Goberno de Pedro Sánchez supón unha nova oportunidade de rexenerar e poñer en valor as marxes desa incrible contorna natural que conforman as beiras do Lérez e A Xunqueira de Alba", declarou Tino Fernández.

O Ministerio argumenta o seu rexeitamento á prórroga en que o uso da gasolineira "non presta un servizo que polas súas características deba ocupar dominio público marítimo-terrestre e podería ter unha localización alternativa fose do mesmo".

Fontes oficiais de Repsol confirmaron a súa intención de presentar alegacións. 

ZONA VERDE E ESTACIÓN DE BICICLETAS

O responsable municipal da xestión dos terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre no Concello de Pontevedra, Iván Puentes, xa vai un paso máis adiante e ten intención de dotar dunha zona verde e dunha "estación de servizo para bicicletas" á parcela que deixaría baleira a gasolineira situada na contorna da ponte do Burgo.

Unha vez que Costas del Estado confirme a súa decisión de denegar a prórroga da concesión solicitada por Repsol, o concelleiro asegura que "explorará con tódalas partes interesadas a mellor solución para o estado definitivo da zona", por suposto "en coherencia coa actuación que a Concellería de Obras Urbanas está a acometer na cabeceira Norte da ponte do Burgo".

O plan para crear unha estación de servizos para bicicletas nesta parcela coincide cunha das demandas que o colectivo Pedaladas lle plantexou a Puentes nunha recente reunión. Segundo constata o concelleiro de Medio Natural, "a gasolineira atópase nun punto que moitos ciclistas empregan xa para a limpeza e inchado de rodas", polo que resultaría proveitoso instalar alí "unha estación de servizo cunha toma de auga e unha bomba de aire".