Un día despois de que ENCE anunciase a concesión da prórroga para continuar en Lourizán 60 anos máis, Costas presentou un escrito no Concello de Pontevedra en relación ás alegacións presentadas no seu día polo goberno municipal neste procedemento. Algo que, para Carme da Silva, demostra a ausencia "do máis mínimo respecto institucional" por parte do Goberno.
Referíase así á presentación no Rexistro Municipal dunha comunicación, asinada por un alto cargo do Ministerio de Medio Ambiente, na que se traslada que as alegacións presentadas polo goberno municipal neste procedemento serán "valoradas e contestadas" na resolución final.
Isto demostra, para a edil do BNG, que o PP "puxo todo o seu aparato administrativo e legal ao servizo de ENCE", lamentando que a empresa anuncie a prórroga antes de que chegue este escrito ao concello "e sen contestar ás alegacións".
O Concello xa trasladou esta comunicación de Costas aos servizos xurídicos para que estuden os pasos para seguir, por se este documento podería servir para impugnar a decisión do Goberno con respecto á pasteira.
Beste mesmo escrito, Costas informa ao Concello que rexeita que a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) poida acudir como parte interesada neste expediente por carecer de "interese lexítimo no mesmo" e asegurar que este tipo de procedementos administrativos "quedan fóra do ámbito da acción popular".
"Estes que se lles enche a boca falando de transparencia negan agora que unha asociación teña a capacidade para acceder a un expediente", sinalou Da Silva, que lembrou que en todo procedemento urbanismo e ambiental é "fundamental" a exposición pública dos trámites que hai que realizar.
Todo isto deixa claro, segundo a concelleira de Urbanismo, que o Goberno, a Xunta e ENCE tiñan un "cronograma perfectamente establecido" desde hai anos para asegurar a continuidade da empresa en Lourizán, obxectivo para o que "estiveron traballando sen descanso" desde as máis altas esferas do Estado.