Costas deixa no aire a continuidade do paseo peatonal a Marín

Pontevedra
04 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

"Ou é mediante a presión política e social ou Costas non o fará", subliñou o concelleiro nacionalista, que considera unha "cantamañanada como unha catedral" este cambio de criterio. "É malo de entender porque a lei é a mesma e ou partido do Goberno tamén", segundo Mosquera

Primeiro tramo do paseo peonil a Marín Mónica Patxot

O paseo peonil a Marín atopouse cun obstáculo inesperado. Costas, que no seu día autorizou o proxecto, que chegou a licitarse e a estar incluído nos orzamentos do Estado, cambiou de criterio e agora oponse a continuar co seu trazado ata Os Praceres.

Así o confirmou a directora xeral de Costas, Ana Oroño, na visita que realizou a Pontevedra para supervisar as actuacións pendentes entre o seu departamento e o Concello en todo o ámbito de dominio público marítimo terrestre no municipio.

"Para a nosa sorpresa aos novos xestores de Costas non lles gusta este proxecto", sinalou o edil da área de ordenación do territorio, César Mosquera, que lamentou que unha actuación "comprometida e asinada" corra en risco agora de non executarse.

Segundo Mosquera, a Costas non lle gusta que o segundo tramo deste paseo invada a lámina de auga e contemple pilotes sobre a ría, ante a imposibilidade de reducir un dos carrís da autovía, que foi a solución adoptada para executar a primeira parte deste itinerario.

O goberno municipal entende que Costas "ten que buscar unha solución" para completar este paseo, xa que se trata dun compromiso recolleito no pacto asinado entre o PSOE e o BNG para a investidura de Pedro Sánchez. "Nós imos presionar para se faga", engadiu.

"Ou é mediante a presión política e social ou Costas non o fará", subliñou o concelleiro nacionalista, que considera unha "cantamañanada como unha catedral" este cambio de criterio. "É malo de entender porque a lei é a mesma e ou partido do Goberno tamén", segundo Mosquera.

Serán eles os que teñan que explicar, reiterou o representante municipal, "como un paseo que estaba adxudicado e que tiña que estar feito agora non lles gusta".

Este segundo tramo do paseo chegou a contar cunha partida de 1,7 millóns de euros nos orzamentos xerais do Estado de 2022 para a súa execución, antes de que fora paralizado debido aos problemas detectados polos técnicos de Costas.

Estaba deseñado para conectar o tramo xa construído desde a cidade ata o nó de Mollavao coa pasarela das mariscadoras, nos Praceres. Ía ser un itinerario duns 800 metros, consistente na execución dunha pasarela peonil de 2,5 metros de ancho, 

O proxecto inicial, que aínda se pode consultar na páxina web do Ministerio para a Transición Ecolóxica, recollía que a continuidade deste paseo sería cunha pasarela que ía ser metálica e se apoiaría sobre pilotes fincados no leito mariño.