Costas coñece o plan de acción para a restauración ambiental da Xunqueira de Alba

Pontevedra
05 de febreiro 2020

Unha xuntanza técnica permitiu que o Servizo Provincial de Costas coñeza os detalles do plan de acción deseñado pola Deputación de Pontevedra para restaurar ambientalmente os terreos da Xunqueira de Alba, nos que están o parque de maquinaria e a imprenta provincial

Xuntanza dos técnicos da Deputación e do Concello con Costas Deputación de Pontevedra

Unha xuntanza técnica permitiu que o Servizo Provincial de Costas coñeza os detalles do plan de acción deseñado pola Deputación de Pontevedra para restaurar ambientalmente os terreos da Xunqueira de Alba, nos que están o parque de maquinaria e a imprenta provincial.

Este encontro, no que participou persoal do departamento de Arquitectura da Deputación e técnicos do Concello, serviu de aproximación para axustar os vindeiros pasos a dar.

Desde a Deputación presentaron a Costas o estudo previo para estimar tanto o custo como o proceso de traslado do parque de Maquinaria ata o polígono de Barro e, deste xeito, recuperar a Xunqueira, humidal protexido e Espazo Natural de Interese Local (ENIL). 

Segundo indicaron, o proxecto terá globalmente un custo estimado de 3,2 millóns de euros e seguirá un proceso de tres fases.

O obxectivo é desenvolver a primeira no presente exercicio de 2020 cun orzamento de 120.000 euros para a redacción dos estudos previos, os proxectos de obra e de demolición, o proxecto de rexeneración e as autorizacións e licenzas.

Posteriormente, a segunda fase alongarase entre 16 e 24 meses e disporá dun orzamento de 2,1 millóns de euros, coa licitación e execución das obras de construción da nave do parque de maquinaria no polígono de Barro e o traslado de equipamento e material.

A última fase do proxecto, cun orzamento previsto de 884.000 euros, consiste na recuperación da Xunqueira de Alba.

Neste caso licitarase a recuperación do espazo, executaranse obras e demolicións de edificios, así como a xestión de residuos, a reposición de servizos ou a formación do humidal e do bosque de ribeira.

O resultado final de recuperación ambiental, recoñecen desde a Deputación, dependerá moito da análise e situación dos terreos e as marismas afectadas. De feito, non hai actuacións definidas a priori polas moi diferentes variantes que poden xurdir.