Costa e Cubela piden a Ethel Vázquez ampliar a 7 metros a plataforma viaria da PO-230

Cerdedo-Cotobade
03 de novembro 2022

Os alcaldes de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade mantiveron un encontro coa conselleira de Infraestruturas para tratar a mellora da PO-230 no seu percorrido por Praderrei, Fentáns e Serrapio. A representante da Xunta indicou que a obra vai acometerse por fases e agarda que, en breve, saia a exposición pública

Carlos Costa, Jorge Cubela e Ethel Vázquez Concello de Cerdedo-Cotobade

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, recibía este xoves a Carlos Costa e Jorge Cubela, alcaldes de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, para analizar a actuación prevista pola Xunta coa intención de mellorar a estrada PO-230, que une Praderrei en Campo Lameiro coas localidades de Fentáns e Serrapio do concello veciño.

Esta obra sairá en breve a exposición pública, segundo indicou a conselleira. que tamén recoñeceu que se efectuará por fases. Os alcaldes coincidiron en solicitar a eliminación de varias curvas para evitar o actual trazado sinuoso da estrada.

Ademais solicitaron á Xunta de Galicia que estableza dous carrís de tres metros cada un e medio metro en cada beiravía para que se converta nunha zona cunha plataforma de sete metros que permita garantir a seguridade neste tramo que une os dous municipios.

A conselleira indicou que a intención destes traballos será facilitar a comunicación entre os núcleos rurais de Praderrei, Parada, San Isidro, Fornelos, Fentáns e Serrapio, ademais doutras localidades próximas, coa intención de que mellore a conexión coa estrada nacional N-541, que acumula a mobilidade da veciñanza da zona cara a Pontevedra e tamén cara á provincia de Ourense.

Os dous alcaldes esperan que esta obra mellore a comunicación interior en cada un dos concellos como en ligazón coa capital da provincia.