Cortes de tráfico previstos durante as obras de mellora na N-640 entre Cuntis e A Estrada

Umia
27 de novembro 2024

A intervención comeza o xoves 28, conta cun orzamento que supera os 48.000 euros e consiste na mellora do firme para garantir a seguridade viaria nesta estrada

N 640 entre Cuntis e A Estrada Concello de Cuntis

O Ministerio de Transportes y Mobilidade Sostible iniciará este xoves, 28 de novembro, as obras de mellora do firme na estrada N-640.

A zona de intervención será no tramo que conecta o Concello de Cuntis co límite co Concello da Estrada, segundo a información facilitada polo goberno local de Cuntis.

Os traballos, que inclúen fresado e extendido de mesturas bituminosas en quente, prolongaranse ata o venres 29 de novembro.

A intervención conta cun orzamento que supera os 48.000 euros, IVE engadido.

Segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos, estas actuacións buscan mellorar o estado do firme e garantir a seguridade viaria na zona.

Está previsto que se habilite un operativo que incluirá cortes de tráfico nos dous carrís, coa sinalización necesaria.

O Concello de Cuntis fai un chamamento á cidadanía para que as persoas que circulen co seu vehículo por este tramo manteñan as máximas precaucións e respecten a sinalización durante o período de desenvolvemento das obras.