Cortes de tráfico con motivo das obras de reforma en Saíñas

Poio
03 de outubro 2022

A empresa adxudicataria, COVSA, xa dotou de novos servizos básicos e mellora do pavimento ao lugar de Saíñas. O investimento total para estas obras alcanza o millón de euros

Gregorio Agís e Julio Casás, concelleiros de Poio, nas obras que se acometen no lugar de Saíñas Concello de Poio

Julio Casás e Gregorio Agís, concelleiros de Obras e Servizos e de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, achegábanse este luns para comprobar a evolución das obras que se realizan en Saíñas, na parroquia de San Salvador, uns traballos que se enmarcan dentro da rehabilitación integral que o Concello realiza neste núcleo.

Proximamente abordarase a mellora de Portosanto e A Puntada. Esta actuación servirá para dotar de novos servizos a unha das zonas de referencia da localidade, ademais de apostar pola mobilidade sostible e a recuperación de espazo tradicional, atendendo ás pautas do Plan de Mobilidade municipal.

COVSA é a encargada de afrontar estes traballos cun orzamento que ascende a 937.752 euros. A Deputación de Pontevedra financia un 80% a través do programa ReacPon e o 20% restante corre a cargo doutros fondos provinciais.

Este luns procedíase a dotar e renovar os servizos básicos na zona de Saíñas. Neste punto habilítase un novo pavimento de máis calidade, que se atopaba deteriorado. Será necesario realizar cortes de tráfico nalgunhas zonas, nas que só se permitirá o tránsito a residentes ou a persoas usuarias da Escola Infantil de Saíñas.

Os concelleiros recoñecen que as obras causan molestias e agraden a comprensión e paciencia das persoas residentes na contorna. A previsión é que toda esta reforma finalice na primavera de 2023.