Correos interésase pola antiga nave de Dia en Alba, pero a operación ten limitacións legais

Pontevedra
20 de agosto 2024

O movemento urbanístico que se intuía meses atrás cando Mercadona se interesou pola nave de Correos na avenida de Lugo complétase agora cunha nova información urbanística solicitada no Concello. Segundo os técnicos municipais, o uso que están solicitando "non sería viable"

Alberto Oubiña, concelleiro de Urbanismo Cristina Saiz

O movemento urbanístico que se intuía meses atrás cando Mercadona se interesou pola nave de Correos na avenida de Lugocomplétase agora cunha nova información urbanística solicitada no Concello de Pontevedra.

A Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos podería estar interesada en deixar ese inmoble para trasladarse a outro na parroquia de Alba, a que antes acollía o supermercado Dia. 

Así, o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, indicou este mates que Correos pediu información urbanística sobre esta nave, que no seu momento Dia tiña en aluguer e ten outro propietario. 

Correos sinalou nesa consulta urbanística o seu interese por utilizala como nave de uso industrial destinada a unidades de reparto. Así, pretende usala para o tratamento e a clasificación de correspondencia para a súa posterior expedición.

O correo non quedaría alí almacenado de xeito permanente, senón que se trataría alí para o seu envío inmediato.  

Os técnicos municipais realizaron un informe no que pon reticencias a este uso de Correos, pois lembran que o artigo 40 da Lei do Solo de Galicia sinala que naves coma esta instaladas en solo rústico e afectadas por Carreteras del Estado só se poderán empregar para usos residenciais, terciarios ou produtivos, actividades turísticas artesanais e pequenos talleres e equipamentos.

"O desenvolvemento dunha actividade industrial, como a que se está solicitando nesta información urbanística, non estaría recollida dentro dos usos do artigo 40 da lei", sinala Oubiña.

Desta maneira, segundo indican os técnicos municipais, o uso que están solicitando en Correos "non sería viable", pero os servizos técnicos matizan que "poderán explorarse outras posibilidades asimilables ao reparto de correos".

É dicir, os técnicos "pechan a porta, pero non completamente" para ese interese de Correos. A entidade poderá estudar darlle unha volta e presentar outra proposta de uso sempre que non sexa industrial por non ser compatible coa lei do solo. 

Segundo explicou Oubiña, "se a orientación do proxecto é outra, poderían volvelo presentar e estudaríase novamente".