O Correlingua regresa ao seu formato habitual despois de tres anos sen celebrarse pola pandemia da covid-19. Será a súa edición 23 e suporá que escolares de toda a comarca volvan correr polas rúas de Pontevedra, como por doce localidades de toda Galicia, para reivindicar a normalización lingüística da mocidade e a infancia.
Así o deron a coñecer este xoves no Concello de Pontevedra os organizadores con motivo da presentación oficial desta 23 edición. Participaron o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña; o presidente da asociación Correlingua, Anxo Terán; a secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística, Celia Armas; e os representantes de CIG Ensino Marta Ferreiro e Suso Bermello.
A organización agarda que sexa un éxito de participación. En 2019, en toda Galicia participaron 19.000 alumnos de 212 centros en todas as actividades realizadas.
Este ano chegará a doce cidades. A primeira será Vigo o 4 de maio e a última A Estrada o día 31. No caso de Pontevedra, a carreira regresará o 24 de maio á Alameda.
Para asistir ás festas desta 23 edición do Correlingua os centros teñen que cubrir a folla de inscrición na web do Correlingua. Abriuse o prazo o 1 de febreiro, remata o 30 de abril.
O Correlingua vai máis alá da carreira, con actividades durante a primeira metade do ano en todos os centros educativos, pero, tal e como sinalou Celia Armas, a carreira é "a máis visible de todas", na que toda a comunidade educativa sae á rúa "reivindicando o dereito que temos a vivir na nosa propia lingua".
Suso Bermello lembrou que en 2000, cando naceu o Correlingua, notábase un "deterioro do galego nas aulas" e, 23 anos despois, todos os informes existentes constatan que o "devalo claro" de 2000 "a día de hoxe é moito peor".
Así, fala dunha situación que "invita á alarma". Así, asegura que en Galicia "estamos nun momento de emerxencia lingüística" e o Correlingua busca loitar contra ela e animar á xente máis nova a participar e a falar en galego.
Tal e como sinalou Oubiña, a carreira pola lingua é un día de celebración, pero tamén de reivindicación e unha actividade que "transcende en todo o país".
O lema deste ano será "Na casa, na escola, bota a lingua fora" porque, tal e como explicou Anxo Terán, "isto non é asunto dun mes", senón de todo o ano. Anima aos centros educativos a participar con animación, faixas, cancións "e todo o que se lle ocorra".
Como actividades paralelas, Celia Armas citou o certame 'Regueifando!', unha gran regueifa colectiva; o obradoiro de escritura creativa 'Desata a lingua' o concurso libre de creación artística 'Crealingua' ou o concurso de música en galego 'Cantalingua'.