Convocan unha concentración polo día do Orgullo LGBT

Pontevedra
24 de xuño 2019

Avante LGBT celebra este próximo venres 28 o día do Orgullo LGBT, baixo o lema "Por 50 anos máis de loita", lembrando así o aniversario dos disturbios de Stonewall en New York, punto de partida do colectivo na súa loita polas reivindicacións da plena igualdade en dereitos

Concentración na Peregrina contra a homofobia e en solidariedade coas vítimas do atentado de Orlando e co colectivo LGTBI Mónica Patxot

Avante LGBT celebra este próximo venres 28 o día do Orgullo LGBT, baixo o lema "Por 50 anos máis de loita", lembrando así o aniversario dos disturbios de Stonewall en New York, punto de partida do colectivo na súa loita polas reivindicacións da plena igualdade en dereitos.

Para iso, Pontevedra súmase este ano a estes actos reivindicativos elaborando un programa que comezará cunha concentración na Praza da Peregrina convocada para o venres as 20 horas, na que se lerá o manifesto coas reclamacións do colectivo.

A continuación, marcharán cara ao Campiño de Santa María para continuar con actos de carácter máis festivo. Alí celebrarase un "maripicnic" a partir das 21 horas, amenizado coa música da Paul B e no que haberá diferentes postos de comidas, merchandising ou sorteos, entre outras actividades. Este acto conta coa colaboración do local Pavero Bar, situado no propio Campiño.

Como colofón, este Orgullo rematará coa festa #Pontequeer no pub "La Pomada", a partires das 00.30 e organizada polo colectivo pontevedrés "Comité Marikas x la fiesta".

Co apoio do Concello, Avante busca que esta celebración do Orgullo sexa unha cita consolidada no calendario na cidade, como xa o son outros relacionados co colectivo como o FLOP Cinema, o FLOP Festival ou o programa municipal Pinto e Maragota.