Convocan outra manifestación en Pontevedra en solidariedade co pobo palestino

Pontevedra
13 de maio 2024

Os convocantes son a Asemblea aberta “Pontevedra con Palestina” e a organización sindical CXT de Pontevedra, en resposta á chamada internacional da Federación Xeral de Sindicatos de Palestina

Manifestación 'Solidariedade con Palestina. Paremos o xenocidio' Mónica Patxot

Para este mércores, 15 de maio, está convocada unha manifestación en Pontevedra en solidariedade co pobo palestino.

Os convocantes son a Asemblea aberta "Pontevedra con Palestina" e a organización sindical CXT de Pontevedra, en resposta á chamada internacional da Federación Xeral de Sindicatos de Palestina. 

Segundo informan, a marcha partirá ás 20 horas da Praza do Hospital, na rúa Loureiro Crespo, e rematará na Subdelegación do Goberno.

Os convocantes sinalan nun comunicado que "en escasos sete meses, asistimos ao asasinato impune de máis de 40.000 palestinos, á devastación de Gaza e a continuidade da colonización homicida de toda Palestina, e todo executado coa complicidade das autoridades europeas e españolas, ata alcanzar a impunidade deste colosal crime".

Segundo engaden, o pasado 24 de abril "a Federación Xeral de Sindicatos de Palestina, fixo unha chamada internacional desesperada para que o día 15 de maio os traballadores do mundo fagamos todo o posible para deter este horror". 

"Nesta data, cúmprense 76 anos da colonización sanguenta de Palestina e queda no recordo indeleble da humanidade a imaxe da Nakba (Catástrofe) de 1948, cando o exército israelita arrasou a sangue e lume as aldeas palestinas, forzou a expulsión das súas terras e fogares de máis de 750.000 persoas, das que fillos e netos malviven agora repartidos nos Campos de Refuxiados de Gaza, a Cisxordania ocupada polo exército e dos países limítrofes do Oriente Medio. E aínda alí perséguenos e matan sen ningunha piedade, como vemos agora mesmo", indican en en o seu comunicado.

De modo que, secundando esa chamada internacional, a CXT de Pontevedra, "despois de convidar sen éxito a todas as organizacións sindicais e colectivos do movemento social e veciñal da nosa cidade para a celebración unitaria da mobilización", e “Pontevedra con Palestina” acordamos a convocatoria.

"Nin debemos, nin podemos, nin aceptamos… e, moito menos, resignámonos ao horror despregado por Israel e os seus amigos. Terror que non busca outra cousa que a condena inmediata á fame e á morte a dous millóns e medio de persoas indefensas en Gaza e borrar do mapa a máis de seis millóns de refuxiados palestinos, condenándoos a vagar sen ningunha esperanza, sen fogar, sen terras, sen aire libre que respirar, sen o dereito de retorno recoñecido na Carta Magna da ONU, xa feita papel de estraza", remata o comunicado.