Convocan unha manifestación contra os recortes nos centros de ensino público

Pontevedra
17 de outubro 2024
Actualizado: 12:52

A CIG-Ensino denuncia a conflitividade existente no inicio do curso escolar nos centros de ensino público da comarca de Pontevedra

Isolina Couso, Xacobe Rodríguez e Marta Ferreiro anuncian unha manifestación contra os recortes educativos Pontevedra Viva

A CIG-Ensino denuncia a conflitividade existente no inicio do curso escolar nos centros de ensino público da comarca de Pontevedra.

Segundo explicaron este xoves os responsables do sindicato nunha rolda de prensa, estamos diante dun dos comezos de curso con máis protestas dos últimos anos polos "ataques da Xunta ao ensino público".

A CIG sinala o marcado contraste entre a "propaganda" da Consellería e as protestas protagonizadas polas ANPAs e polos centros educativos ante a falta de profesorado, sobre todo de especialistas para a atención á diversidade nos colexios de infantil e primaria.

Tamén lamentan a "desatención absoluta" ás demandas de alumnado e profesorado dos centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial.

A secretaria de Organización de CIG-Ensino, Marta Ferreiro; o secretario comarcal de Pontevedra, Xacobe Rodríguez, e a presidenta da Xunta de Persoal Docente de Pontevedra, Isolina Couso; aseguraron que a situación do ensino público non fixo máis que deteriorarse nos últimos anos.

Ao contrario do que sostén a Consellería, a CIG afirma que hai menos docentes, máis docentes compartidos por varios centros, menos especialistas para a atención á diversidade, máis burocracia e menos recursos públicos.

Entre as eivas que detecta CIG-Ensino están os desdobres non autorizados en aulas que superan abertamente as ratios máximas, o incremento da matrícula nos cursos que xa tiñan entre 20 e 25 estudantes, non computar como dobre ou triple o alumnado con trastorno de conduta, discapacidade ou dependencia, entre outras.

Pero no que máis insistiron este xoves foi na falta de profesorado especialista, sobre todo de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e orientación, que cada vez máis teñen que compartir varios centros ou se contratan a media xornada, así como falta de persoal coidador.

Alertan de que "o máis preocupante" destes recortes son os efectos sobre o alumnado e ante este "deterioro" do ensino público a CIG chama a unha reacción conxunta de toda a comunidade educativa.

A CIG-Ensino é unha das organizacións que conforman a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, na que tamén están: ANPAS Galegas, ERGUER, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), o BNG e Galiza Nova.

Esta Plataforma chama a toda a comunidade educativa a manifestarse "contra os recortes" o próximo 26 de outubro, ás 12:00 horas, en Santiago de Compostela. Está chamada a participar toda a comunidade educativa: familias, estudantado e profesorado.