Convocan á veciñanza para valorar o proxecto da humanización de Campelo

Poio
27 de febreiro 2024

O Concello de Poio convocou aos veciños de Campelo este xoves, 29 de febreiro, a unha reunión informativa para valorar o proxecto de humanización da estrada provincial EP-0601, que une A Granxa coa contorna da Seara. Será ás 19.00 horas no Espazo Municipal de Campelo

Estrada de Campelo PP de Poio

O Concello de Poio convocou os veciños de Campelo este xoves, 29 de febreiro, a unha reunión informativa para valorar o proxecto de humanización da estrada provincial EP-0601, que une A Granxa coa contorna da Seara.

Será ás 19.00 horas no Espazo Municipal de Campelo, e contará tamén coa asistencia de técnicos da Deputación de Pontevedra.

O alcalde, Ángel Moldes, indica que o obxectivo deste encontro é dar a coñecer o proxecto de humanización para esta estrada provincial aos veciños e "escoitar a súa opinión", posto que "hai tramos especialmente sensibles, con direccións únicas nas que valorar por onde se desvía ese tráfico". 

Nesta liña, salienta que "os veciños son os que van convivir diariamente coas actuacións que se leven a cabo nesta estrada, e por iso consideramos que é fundamental que coñezan o proxecto que estaba plantexado e as alternativas que hai enriba da mesa si queren modificalo. E para facelo, é fundamental ofrecer toda a información dispoñible e facelo da man dos técnicos da Deputación de Pontevedra".

A celebración deste encontro cos veciños foi un dos asuntos acordados entre Moldes e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, na reunión que mantiveron hai unhas semanas. 

Dende o Concello de Poio recordan que hai tempo para facer modificacións no proxecto, que afecta a unha estrada que vertebra varios lugares de interese no interior do concello, coa costa e as praias, situado en San Xoán e que dá acceso a Campelo, que conta con 2.500 habitantes.