Convocados os Premios Provinciais á Xuventude e o concurso Reacción polo Clima

Pontevedra
14 de marzo 2022

Este martes a Deputación abre o prazo para a presentación de traballos en ambos certames

V Gala da Xuventude da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a nova convocatoria dos Premios Provinciais á Xuventude e o Concurso Reacción polo Clima.

A partir do martes 15 de marzo e ata o 15 de maio estará aberto o prazo de presentación dos traballos a ambos certames, que en conxunto repartirán 36.000 euros en premios.

No caso dos Premios Provinciais á Xuventude, será a sexta edición duns galardóns que buscan estimular e recoñecer o talento, a traxectoria, o esforzo e compromiso da mocidade nas dez categorías do certame: Iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballos musicais (coas subcategorías de música clásica e outros xéneros), traballo literario breve (con narrativa e poesía), banda deseñada, fotografía orixinal (con serie fotográfica e fotografía) e deseño e moda. En cada unha delas haberá tres premios, cun orzamento total de 32.000 euros. A novidade este ano será a incorporación da modalidade de investigación.

Por outra banda o concurso Reacción polo Clima, que chega á terceira edición, ten como finalidade promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais, ademais de potenciar o talento da mocidade e amosar as súas reivindicacións.

"EN RUTA COA DEPO" E "DEPOTERMAL"

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar para retomar dous dos programas sociais con maior participación da cidadanía, "En Ruta coa Depo" e "Depotermal", que neste 2022 volven despois dun parón de dous anos debido á pandemia. 

O Goberno vén de aprobar o expediente para contratar a xestión de "En Ruta coa Depo", cun máximo de 20.000 prazas, e ao mesmo tempo a Deputación tamén está a tramitar as 332 solicitudes que colectivos de 47 concellos da provincia fixeron xa para participar en algunha das 32 rutas ofertadas. Unha vez cubertas as prazas, o resto das solicitudes quedarán en lista de agarda.

No que respecta a "Depotermal", que ofrece un total de 4.434 prazas, xa está adxudicada a xestión deste programa de termalismo social, no que se invisten 111.601 euros.