Convocados os premios de arquitectura Gran de Area 2024

Pontevedra
17 de xullo 2024

As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organizan conxuntamente unha nova edición dos "Premios Gran de Area de Achega á Arquitectura 2024"

Martínez Carazo, Anselmo Villanueva e Enma Noriega

As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organizan conxuntamente unha nova edición dos "Premios Gran de Area de Achega á Arquitectura 2024".

A sede dos arquitectos pontevedreses acolleu este mércores a presentación das bases desta convocatoria por parte dos presidentes das tres delegacións colexiais de Pontevedra, Vigo, e Ourense respectivamente, Anselmo Villanueva, Manuel Martínez Carazo e Emma Noriega.

Segundo explicou Emma Noriega estes galardóns teñen "un carácter moi especial", xa que "son abertos e sen categorías" destinados a recoñecer o labor conxunto de todos os axentes intervenientes no proceso de xestación e construción dunha obra como "unha pequena, pero importante achega á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna".

Neste sentido, Martínez Carazo manifestou que a administración, se quere un territorio coidado, ten que apoiar economicamente aos particulares con axudas á redacción dos proxectos.

O criterio de selección para o Gran de Area 2024 será establecido polo xurado, que poderá valorar a totalidade do proxecto ou, unicamente, un determinado aspecto da obra que achegue un carácter singular ou de valor: tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio, entre outros aspectos.

O xurado estará composto polos presidentes das tres delegacións, un colexiado de cada delegación para seleccionar pola súa Xunta Directiva, un colexiado seleccionado entre os premiados da edición anterior e a secretaria da delegación de Vigo, que actuará con voz pero sen voto.

Anselmo Villanueva destacou que estes premios son un referente da difusión da arquitectura entre a sociedade do sur de Galicia, "seguramente porque chegan ata a nosa esencia que son as parroquias e os barrios".

A entrega de premios celebrarase a finais de ano en Vigo.