O Concello de Poio informa da convocatoria dunha manifestación, fixada para o martes 5 de xullo, ás 20.00 horas, para esixir a reapertura da explanada do peirao da Canteira, utilizada habitualmente como estacionamento e que desde hai días foi pechada por Portos de Galicia para a realización das obras do novo emisario.
O Goberno local defende a importancia desta actuación para a ría de Pontevedra, pero ten claro que o feito de realizala en plena tempada estival supón "un prexuízo irreparable" para a dinamización e a actividade económica de Combarro, polo que aposta por buscar outras alternativas que permitan o uso da explanada e non colapsen a mobilidade e o tráfico na contorna.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado pola edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG); a titular de Turismo e tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante), e os responsables de Obras e de Urbanismo e Promoción Económica, os socialistas Julio Casás e Gregorio Agís, mantivo este venres unha reunión con profesionais dos sectores da hostalería e do comercio de Combarro, dous dos grandes prexudicados pola medida adoptada pola Xunta de Galicia.
Foi neste encontro no que se acordou convocar a mobilización, para a cal o Concello de Poio solicitará os pertinentes permisos perante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Os dirixentes municipais fan un chamamento á cidadanía para que tome parte nesta convocatoria, a fin de conseguir que a Administración autonómica "entre en razón" e pospoña as obras durante os meses de xullo e agosto.
Durante a reunión, os asistentes deixaron patente a súa preocupación polo efecto negativo que pode ter esta situación para os seus negocios, tanto pola limitación de estacionamentos como por como afectará ao tráfico e á chegada de autobuses a Combarro durante o verán.
Neste sentido, tanto Sobral como o equipo de Goberno incidiron en que desde o Concello xa se están buscando solucións para tratar de habilitar espazos nos que poidan parar os buses, a ser posible en emprazamentos o máis próximos posibles do núcleo de Combarro.
A maiores, a Administración local continúa tamén xestionando negociacións para impulsar aparcadoiros disuasorios noutros lugares, así como espazos para residentes.
Sobre este último punto, lémbrase que Portos de Galicia leva seis meses sen dar resposta á solicitude presentada polo Concello, e aprobada polo Pleno, para dotar de preto de 30 novas prazas de estacionamento para residentes nunha parcela do Paseo das Redeiras, que é de titularidade autonómica.