Novo episodio da controversia polo punto de depósito de áridos para desbloquear a dragaxe do Lérez e a bocana da ría de Pontevedra. A Xunta de Galicia urxe ao Ministerio de Transición Ecolóxica unha resposta pola que di levar seis meses agardando e dende o Goberno piden tempo para "facer as cousas ben".
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, remitiu o pasado mes de xullo nova documentación requerida polo Ministerio logo dun primeiro envío que tivo que complementar con novos datos.
Segundo a Xunta, a día de hoxe o ente público non ten recibido aínda informe do Goberno central que permita iniciar a tramitación ambiental e posterior licitación das obras.
O Ministerio de Transición Ecolóxica decidiu en 2021 non autorizar máis verteduras de áridos no punto exterior de Sálvora, que era onde se estaban a depositar durante as últimas dúas décadas. Esta obra paralizou todas as dragaxes do litoral galego ao sur de Muros. O Ministerio solicitou entón a Portos de Galicia un estudio de alternativas de novas zonas de depósito para poder retomar estas obras. Tras o novo envío de documentación, "corresponde agora ao Ministerio autorizar en base a ela un emprazamento dos áridos que se extraian do fondo mariño".
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, saíu ao paso deste "arrebato de confrontación institucional" da Xunta sobre a "obra eternamente prometida" do dragado do fondo da ría de Pontevedra, así como as "urxencias" que volve manifestar o Goberno galego.
Losada lembra que nos Orzamentos galegos para 2025 "só hai 100.000 euros, unha partida puramente testimonial, que denota con claridade que non hai intención algunha de executar a obra durante este ano".
Pola súa banda, a Xunta apunta que comprometeu nos seus orzamentos unha partida plurianual de 3 millóns de euros para a execución desta obra. As anualidades distribúense nos exercicios 2025, 2026 e 2027 en base aos prazos que contempla a lexislación para a tramitación ambiental e licitación dos traballos, "sempre condicionados pola autorización por parte do Ministerio do punto de depósito de áridos".
"As partidas plurianuais da Xunta para adornar os Orzamentos son fume partidista", asegura Losada.
"Volvemos reiterarlle ao Goberno galego que agora toca facer as cousas ben e deixar traballar ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao organismo asesor (o CEDEX) para buscar a alternativa medioambiental máis acaída para un tema tan sensible como é o vertido de toneladas de fangos", dixo o subdelegado. "E está claro que o Parque Nacional das Illas Atlánticas non era o lugar, aínda que á Xunta llo parecera", engadiu.