Controlado un incendio forestal en Ponte Sampaio preto de casas

Pontevedra
19 de setembro 2016

Os servizos de extinción de incendios lograron controlar o lume, que se orixinaba na zona do Vilar e que deixou unha fumareda que se podía ver desde distintos puntos da comarca

Incendio no Vilar, Ponte Sampaio PontevedraViva

Un incendio forestal facía saltar as alarmas, de novo, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio ao longo da tarde deste luns 19. As lapas orixinábanse á altura do Vilar, a escasa distancia dun núcleo de vivendas.

Os servizos de extinción, coa presenza dun helicóptero, lograron sufocar o lume que afectaba a unha zona de monte arborizada e as lapas non chegaron a afectar as casas.

A fumareda provocada polo lume era visible desde distintos puntos da comarca de Pontevedra. Ponte Sampaio xa se vió afectada por incendios forestais a mediados do mes de agosto con máis de 20 hectáreas queimadas tanto no Vilar como nos lugares de Acevedo e do Rañadoiro.