O incendio forestal que empezou no serán do xoves no Monte Xiabre entre Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa deuse por controlado á primeira hora da mañá deste domingo tras dous días e medio activo.
Nestes máis de dous días e medio que estivo activo, o lume arrasou, segundo os datos oficiais da Consellería do Medio Rural, 450 hectáreas de monte de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.
Xa durante a xornada do venres a Consellería do Medio Rural comunicou que o lume evolucionaba "favorablemente" e "cara á súa estabilización", xa sen riscos para os núcleos de poboación e este domingo deuse por estabilizado e por controlado.
Na noite do venres, algo máis de 24 horas despois do inicio do lume, a Xunta solicitou a desactivación da situación 2 que se decretou na noite do xoves "ao remitir e risco para núcleos de poboación".
Aínda que no seu inicio o incendio comezou en Saiar, en Caldas de Reis, o lume foise estendendo cara a Vilagarcía. Obrigou a desaloxar polo menos 30 vivendas en Vilagarcía.
As tarefas de extinción mobilizaron un amplo dispositivo de medios, incluído o despregamento da Unidade Militar de Emerxencias (UME) desde a madrugada do venres. Ademais mobilizáronse seis técnicos, 15 axentes, 53 brigada, 42 motobombas, 5 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 11 helicópteros.