O noiro derrubado a pasada semana polo temporal Aitor na senda do Lérez está xa en vías de reparación. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou o mércores un decreto para iniciar a tramitación das obras de emerxencia necesarias para a reparación.
Lores deu conta deste decreto na Xunta de Goberno e insistiu na axilidade da actuación municipal neste caso, pois "en tempo récord" xa se deron as ordes pertinentes "para evitar males maiores".
O noiro resultou afectado polas fortes choivas da madrugada do xoves 26 de setembro e, ao derrubarse, os vertidos chegaron ao Lérez e resultou afectado o colector de augas residuais.
"Afortunadamente", sinalou Lores, non afectou ao colector de abastecemento de auga da zona norte de Pontevedra, que tamén chega ata o polígono industrial do Campiño. Pero a situación actual do noiro implica que "segue habendo risco" de afectar a ese colector en caso de que chegue outro temporal ou non se repare.
Ante este "risco", que suporía afectar ao abastecemento de "miles de persoas", decidiuse esta actuación de emerxencia.
O Concello estima que as actuacións suporán un gasto aproximado de 465.850 euros, 42.000 para unha consultoría técnica e o resto para as obras en si.
A consultoría técnica vaina realizar a empresa Enmacosa, que realiza xa un estudo previo de como está estabilizado o terreo para saber como actuar.
As obras vainas realizar E.C. Casas baixo a supervisión técnica de Enmacosa e vai supoñer a estabilización do noiro.