"Contra a prepotencia, resistencia"

Pontevedra
13 de abril 2018

Os traballadores da xustiza, que levan máis de dous meses de folga indefinida, foron os protagonistas no pleno municipal que este venres acolleu o Teatro Principal. A corporación, co voto en contra do PP, apoiou as súas reivindicacións e esixiu á Xunta de Galicia que solucione este conflito laboral

Traballadores da xustiza antes de entrar no pleno municipal Mónica Patxot

Os traballadores da xustiza, que levan máis de dous meses de folga indefinida, foron os protagonistas no pleno municipal que este venres acolleu o Teatro Principal. A corporación, co voto en contra do PP, apoiou as súas reivindicacións e esixiu á Xunta de Galicia que solucione este conflito laboral.

A socialista Paloma Castro, que defendeu a moción, lamentou que o goberno galego non saiba "facer fronte" á xestión da administración de xustiza que, nos últimos anos, sufriu un "importante" recorte de persoal, baixadas de salarios, a suspensión da nova oficina xudicial ou a ausencia de investimentos en novas tecnoloxías.

Todo iso provoca, engadiu, que a xustiza galega afronte un "risco serio" de paralización e se estean "derivando" prestacións en favor de "intereses privados", ao haber órganos xudiciais "saturados" e traballadores "explotados" cuxos dereitos están a ser "mermados".

A este respecto, a edil do PSdeG-PSOE asegurou que o conflito se enquistou pola "prepotencia" e a "soberbia" do presidente e o vicepresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, que están a provocar consecuencias "gravísimas" coa súa estratexia de "desprezo continuo" aos traballadores.

Desde as filas populares, Jacobo Moreira sinalou que desexa que "se poña fin" a este conflito polos propios traballadores e os usuarios que "afrontan" as consecuencias deste paro, que reduciu a unha folga "salarial". Así, sinalou que para o PP é "difícil" defender unha subida do 14% cando o soldo dos funcionarios municipais só creceu un 1%.

O único desacordo nas negociacións, segundo Moreira, é salarial e defendeu que a Xunta "cumpriu todo punto por punto" e o que está a ofrecer aos traballadores "é máis do que se podía esperar". Por iso, cualificou esta moción de apoio ás reivindicacións do sector como "demagoga" e "oportunista" e asegurou que está "chea de falsidades".

Á sesión acudiron preto máis de medio centenar de traballadores que, visiblemente molestos, interromperon a intervención do portavoz popular ao que chamaron "mentireiro" e apupárono en varias ocasións. Tanto que, ao r emate do debate, corearon ao unísono a frase "contra a prepotencia, resistencia".

Os traballadores da xustiza recibiron tamén o apoio de Cidadáns e Marea. María Rey lembrou que esta folga "no es una cuestión de dinero sino de dignidad" e reclamou unha reforma "real" da administración xudicial; mentres que Luís Rei pediu que a xustiza "se abra paso" para eles.

Carme da Silva, por parte do BNG, foi moi dura coa xestión do PP neste conflito, ao acusar o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, de manter un "papel incendiario". En lugar de tentar chegar a un acordo, lamentou, dedícase a "filtrar datos" para tratar de "minar" a unidade dos traballadores.

Os argumentos dos populares, destacou Da Silva, "son tan cribles como o máster de Cifuentes" e acusounos de "boicotear continuamente" calquera posibilidade de chegar a un acordo que poña fin á folga. Aos traballadores, ademais, recomendoulles que "aluguen un barco de Piolín, se metan dentro e a ver se así asumen as súas reivindicacións".