Apuntalar dúas ramas desta histórica árbore. É o obxectivo dos últimos traballos programados para mellorar a calidade de vida do carballo de Santa Margarida, que segue a ser obxecto de continuas intervencións para evitar o seu deterioro.
A redacción deste último proxecto, elaborado por un calculista, levou certo tempo e pretende colocar exactamente no punto preciso dúas ramas: unha delas crece cara a estrada e a outra crece en dirección ao centro da cidade.
Ambas teñen problemas de conservación por ataques de fungos ou insectos xa tratados e tamén por perdas importantes derivadas de roturas ou outros danos anteriores.
O sistema proposto consiste na disposición, baixo un punto escollido para cada rama, dun puntal de aceiro macizo articulado cunha rótula na súa base e articulado libre na cabeza cun coxín de caucho baixo a rama e unha cincha de amarre que envolva a rama para evitar a caída do puntal coa forza do vento.
Estes puntuais nacen de sendas zapatas sen que o seu encofrado afecte ás raíces da árbore.
A solución que se propón é respectuosa co carácter patrimonial da árbore e da súa contorna, por iso limita a posibilidade de deseñar unha estrutura que inclúa elementos aéreos. Ademais, a cimentación non debe afectar ás raíces, e a estrutura que se poña debe respectar o movemento natural da árbore e o seu crecemento.
Agora, a posta en marcha desta solución está pendente da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio para suxeitar dúas pólas principais da árbore que corren risco de fractura e caída
Esta é a última fase de actuación no carballo de Santa Margarida acordada polo Concello e a Deputación o pasado mes de agosto, tras a caída dunha póla de 200 quilos o 31 de xullo, e logo da avaliación realizada pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro da árbore senlleira.
Ata o de agora se fixo unha poda sanitaria para descargar a árbore. Tamén se realizou un tratamento biolóxico contra os insectos xilófagos e o pasado setembro se fixeron labores de osixenación das raíces da árbore que están tapadas por firme de asfalto.
En todo este proceso, o Concello contou co apoio do departamento de medio ambiente da Xunta de Galicia, que autorizou estas intervencións.