Continúan as obras de mantemento nas parroquias do rural pontevedrés

Pontevedra
03 de xaneiro 2021

A Concellaría do Rural continúa coas obras de mantemento iniciadas en decembro por todas as parroquias. Durante esta primeira semana do ano están atendendo pequenas incidencias en Verducido, Campañó, Tomeza, Ponte Sampaio, Canicouva, Santo André de Xeve ou Lérez

Muros de contención en Verducido Concello de Pontevedra

A Concellaría do Rural, xestionada polos concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, continúa coas obras de mantemento iniciadas en decembro por todas as parroquias. Durante esta primeira semana do ano están atendendo pequenas incidencias en Verducido, Campañó, Tomeza, Ponte Sampaio, Canicouva, Santo André de Xeve ou Lérez.

A través da empresa adxudicataria deste contrato, E.C. Casas, seguen realizando as reparacións que repercuten no día a día dos veciños e veciñas das parroquias.

Segundo informou o Concello, nestes momentos están facendo muros de contención en Verducido; drenaxes en Cacheiro (Canicouva); recollida de pluviais en Tomeza; retirada de pedras sobre as vías municipais en Acevedo (Ponte Sampaio); bacheos en Corredoira (Campañó), onde tamén se están a facer limpeza de beiravías ao igual que na Canicouva; bacheos en Santo André de Xeve en fronte a Apipolis e tamén na Gándara, na parroquia de Lérez.

Cun orzamento por valor de 1.082.948,79 euros, as labores atribuídas ao contrato son: bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais. Con eles, queren manter en perfecto estado de uso os espazos públicos na cidade tendo en conta as peculiaridades do rural pontevedrés.