A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén durante a xornada deste martes 11 de maio a 27 pacientes con covid ingresados en planta de hospitalización, ademais de 9 pacientes con coronavirus na unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).
En canto ao resto de pacientes ingresados, un máis que o luns, 17 persoas están hospitalizados en Montecelo mentres que 10 permanecen no Hospital do Salnés. 445 persoas recupéranse nos seus domicilios da enfermidade, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade. Nestes momentos na área sanitaria hai 481 casos activos, un menos que hai 24 horas.
Desde o inicio do plan de continxencia do covid-19 curáronse 13.261 pacientes, 24 máis que na xornada do luns. Faleceron polo virus un total de 173 persoas, sen que se rexistraron falecementos ao longo deste mes de maio. As últimas vítimas remóntanse ao 29 de abril cando perdían a vida dúas mulleres, de 88 e 89 anos, que presentaban patoloxías previas.
Durante as últimas 24 horas realizáronse 1.158 probas PCR na área sanitaria, co resultado de 21 novos casos confirmados, aos que hai que sumar outros dous casos detectados por probas con antíxenos. En total, este martes contabilízanse 23 novos contaxios. Na cidade de Pontevedra o número de infectados segue a ser 84, igual que este luns 10.
O Sergas comezou este martes a administrar a vacina de Pfizer a menores de 60 e cita a 3.900 persoas para o primeiro día tanto no Recinto Feiral de Pontevedra como en Fexdega en Vilagarcía de Arousa.
DATOS EN GALICIA
Os datos en Galicia mostran a aparición de 121 novos casos activos durante as últimas 24 horas. 2.977 persoas atópanse afectadas pola enfermidade, sete menos que o luns, con 147 hospitalizacións e 43 na UCI, tres menos que na xornada anterior.
Por áreas sanitarias, Pontevedra sitúase en segunddo lugar de novos casos activos con 23. O primeiro lugar ocúpao Santiago con 33; Vigo conta con 22 novos positivos; A Coruña, 17; en Lugo rexistráronse 13 casos; 9 en Ourense e 4 en Ferrol.
A incidencia acumulada nos últimos 7 días é de 46,77 (-0,2) por 100.000 habitantes mentres que nos últimos 14 días establécese en 92,36 (-0,2).
Non se rexistraron falecidos durante as últimas 48 horas. O número de decesos por covid continúa en 2.394 no conxunto de Galicia desde o inicio da pandemia.